Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PRESENTACIÓN DO ACORDO

A USC prevé publicar todos os seus fondos editoriais en Google Books

A empresa estadounidense encargarase da dixitalización, mentres que a institución académica, primeira do país en poñer en marcha a iniciativa, venderá as obras por internet.

Redacción - 18:40 10/03/2009

A Universidade de Santiago presentou este martes os detalles do acordo ao que chegou con Google para distribuír parte dos seus fondos editoriais no servizo Google Books. Será a primeira universidade do país en poñer en marcha unha iniciativa que difundirá na rede unha importante selección dos libros editados polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Serán 700 libros e 246 teses de doutoramento defendidas entre 2007 e 2008 os traballos que formarán parte de Google Books nun primeiro momento, aínda que obxectivo final é aloxar todo o fondo editorial da USC para contribuír á difusión do seu labor investigador e divulgador.

Google Books é un servizo que indexa a información contida en centos de miles de publicacións impresas para ofrecerlles aos usuarios a posibilidade de que atopen calquera dato dentro deles. Na actualidade ten xa máis de sete millóns de libros dixitalizados dispoñibles en máis de cen idiomas diferentes.

O vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o responsábel de Google Búsqueda de Libros para España e Portugal, Luis Collado, e o director académico do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre, explicaron que os títulos emborcados na rede respectarán os dereitos legais, polo que só amosarán un máximo do 20 por cento dos seus contidos, ademais da portada, contraportada, índices e lapelas. O resto do libro permanecerá oculto para o lector, e as partes visíbeis non poderán descargarse nin imprimirse, como xa acontece coas obras doutras 20 universidades do Estado Español.

Google encargarase da dixitalización das obras, mentres que a USC manterá os dereitos de comercializacion dos volumes. Neste senso, axiña activará un servizo de venda por internet a través da súa páxina institucional.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: