A cidadanía "conserva a memoria", subliñaron este martes desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ao respecto da galería de graves erros no plano ambiental cometidos polo Partido Popular durante as anteriores etapas da formación á fronte do Executivo. "O ambiente non debe ser nunca máis obxecto de depredación e especulación salvaxe", advirten desde o colectivo recordando unha ampla galería de erros cometidos no seu día polos populares, entre os que destacan a xestión da crise do Prestige e o despregue de Sogama.
De xeito paralelo, insisten desde Adega na necesidade de que o novo Goberno respecte algunhas das "conquistas históricas" dos últimos anos, avisando contra a tentación de iniciativas que leven a unha "involución ambiental". Así, entre os pasos dados durante estes catro últimos anos que piden defender citan a Lei de Defensa dos Ríos e paralización das minicentrais, a Lei de residuos e o Plano orientado á reciclaxe, a Lei de Medidas Urxentes e moratoria urbanística no litoral, a Lei da Paisaxe; a blindaxe da Rede Natura no decreto eólico; os novos espazos protexidos e proposta de ampliación da Rede Natura; ou os pasos cara á participación social nos organismos consultivos.
Achegas para o futuro Goberno
Doutra banda, os ecoloxistas reciben o cambio de Goberno cun feixe de propostas concretas nas que convidan a Xunta a comprometerse. Unha ampla lista onde destaca a chamada á conformación da Rede Natura "que Galiza merece", unha ampliación urxente de espazos protexidos que o goberno saínte xa prometera en 2005 e que socialistas e nacionalistas mantiñan na lista de promesas para a vindeira lexislatura. Recorda Adega que Galiza é pechacancelas no conxunto do Estado en canto a superficie baixo protección, e piden un compromiso concreto do PP neste ámbito. A aprobación de instrumentos de xestión, desde Planos de Conservación até Planos de Recuperación, para todos os espazos e especies protexidas, con medidas compensatorias e de dinamización socioeconómica das poboacións afectadas é outra das demandas. Os ambientalistas tamén queren unha nova lei galega de impacto ambiental e que as declaracións de impacto negativas sexan sempre vinculantes e impliquen "o rexeitamento automático do proxecto". De xeito concreto, solicitan o novo parque natural de Ancares-Courel e do Macizo Central e a ampliación do parque nacional das Illas Atlánticas.
Ordenación "racional", clave para a sustentabilidade
Dotar de contido e medidas as Directrices de Ordenamento do Territorio, "para que sexan a referencia vinculante de todos os Planos Sectoriais" (Eólico, Hidroeléctrico, de Transportes, do Litoral, de Vivenda, etc.) e de forma paralela paralizar e revisar os Planos Sectoriais en vigor ou en tramitación para adaptalos a esas directrices é outra proposta destacada do decálogo dos ecoloxistas. No mesmo eido urbanístico, propoñen ademais a modificación da Lei de Ordenación do Territorio e a Lei de Ordenación Urbanística de Galiza para, por exemplo, limitar as novas urbanizacións, consolidar a franxa de protección do litoral e as chairas de inundación dos ríos.
A ampla lista de suxestións, que poden consultar polo miúdo na
web de Adega, complétase con ideas no eido da enerxía, baseadas na desicentivación do consumo e a promoción do aforro, eficiencia, suficiencia e renovábeis como alternativa; no que lle toca aos residuos: promoción da redución, compostaxe, comarcalización e incineración cero; no tema do transporte céntranse na aposta polo tren como cerna dunha mobilidade sustentábel; e á beira de administración e movementos sociais reparan na necesidade do fomento da educación, transparencia e participación. De xeito específico, algunhas das esixencias: traslado de Reganosa fóra da ría de Ferrol, plano de fomento da enerxía solar, novo plano sectorial eólico, novo Plano Sectorial Hidroeléctrico ou desmantelamento urxente do complexo Ence-Elnosa.