Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
ELECCIONS NA ARXENTINA

O Partido Peronista perdeu as primeiras eleccións lexislativas

Na provincia de Catamarca, o partido que lidera o ex presidente Néstor Kirchner sufriu o seu primeiro revés electoral en mans dun ex aliado.

Débora Campos - 09:00 10/03/2009

O ex presidente da Arxentina e titular do Partido Justicialista (peronista) Néstor Kirchner sufriu este domingo na provincia de Catamarca a súa primeira derrota electoral nas mans dun ex aliado, o radical Eduardo Brizuela, un gobernador próximo ao vicepresidente Julio Cobos que impuxo con comodidade a súa lista lexislativa ante un fráxil armado de unidade no peronismo.

Trátase dun incómodo revés electoral para o ex presidente no seu debut nas urnas como xefe do Partido Justicialista nacional e na inauguración dun ano difícil para o Goberno, que deberá sortear o malestar cultivado en varias provincias como consecuencia do conflito coas patronais agropecuarias.

A Fronte Cívica e Social que conduce o gobernador quedaba no remate do domingo co 43,8 por cento dos votos, mentres que a Fronte Justicialista para a Vitoria obtiña o 31,48 por cento de adhesión e, máis lonxe, Outro País é Posible acadaba o 3,8 por cento dos sufraxios.

De manterse esta tendencia, o oficialismo provincial conseguiría 12 das 21 bancas de deputados en xogo e 6 de senadores para a Lexislatura local, mentres que a Fronte Justicialista quedaría con nove e dúas, respectivamente.

Desde o balcón da Casa de Goberno e baixo unha intensa choiva, Brizuela dedicou o triunfo "a todas as provincias" do país e cuestionou o sinal nacional que o Goberno lles deu aos comicios lexislativos co envío de "todo o Gabinete nacional" nas últimas semanas para apontoar a lista de candidatos da fronte justicialista.

"Dedícollo a todos os arxentinos, a todas as provincias, porque triunfou a democracia, a solidariedade, a inclusión social, todas as obras e accións que estamos a levar a cabo", sostivo o gobernador, mentres aos seus pés militantes oficialistas dedicábanlle o triunfo "a Kirchner que o mira por TV".

"Sinto orgullo pola dignidade de todos os catamarqueños que souberon dicir que estamos en pé e seguiremos en pé", advertiu o gobernador, quen rexeitou ademais as denuncias do Partido Justicialista sobre clientelismo político e denunciou "pequenos incidentes que quixeron prexudicar o acto electoral e non puideron".

A provincia de Catamarca é gobernada desde 1991 pola Fronte Cívica, que encabeza a UCR. Aínda que se tratou dunha elección lexislativa provincial da que participou menos do un por cento do padrón de todo o país, a contenda gañou forte relevancia a nivel nacional a raíz do enfrontamento entre Kirchner e o vicepresidente Julio Cobos, a pesar de que finalmente o vicepresidente non visitou a provincia polo rexeitamento do gobernador a compartir o triunfo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O gobernador de Catamarca, Eduardo Brizuela, agradeceu á cidadanía porque "hoxe gañou a democracia"
O gobernador de Catamarca, Eduardo Brizuela, agradeceu á cidadanía porque "hoxe gañou a democracia"
Partidarios do gobernador celebraron nas prazas da provincia
Partidarios do gobernador celebraron nas prazas da provincia