Centos de persoas mobilizáronse este domingo para reivindicar o "papel activo" da muller contra a crise.
Centos de persoas manifestáronse este domingo en varias cidades do país con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora para reivindicaren "melloras nas condicións de vida das mulleres", especialmente nun momento de crise económica como o actual.
Pasadas as 12.00 horas comezaron as mobilizacións nas principais cidades de Galiza. En Compostela, máis de 200 persoas saíron en manifestación dende a Praza do Toural deica á Praza 8 de Marzo, reivindicando un "papel activo" da muller na "loita" por sacar o país da crise.
A coordinadora nacional da Marcha Mundial das Mulleres, Pilar Estévez, sinalu que as mulleres se están a converter nas principais vítimas das listas de desemprego: "A taxa de paro feminino disparouse se temos en conta as mulleres que despediron e ás que nin sequera contrataron".
Estévez instou a Xunta de Galicia, "sexa cal sexa o partido que a goberne", a que "poña todas as medidas posíbeis para que os empresarios poidan contratar mulleres sen que lles supoña ningún custo extra".
"Non volver atrás"
A mobilización repetiuse noutras cidades do país. En Ferrol, unhas 500 persoas partiron da Praza Amada García, fronte ao edificio da Xunta deica ao Cantón de Molíns. A coordinadora Lupe Ces sinalou que "este foi o mellor 8 de marzo dos últimos anos, en canto a participación se refire".
A mobilización de Vigo, destacou pola posta en escena. Así, a Praza 8 de marzo serviu de escenario de talleres, de concertos e de graffitis. Ademais, os centos de participantes puideron plasmar o seu apoio á muller coa súa sinatura nunha táboa de grandes dimensións colocada no centro da praza.
A Marcha Mundial das Mulleres asegurou que non deixará de reivindicar os dereitos da muller, porque o importante é "non volver atrás" e "ir cara ao 2020 con máis dereitos e mellor asentados, tanto en Galiza como en todo o mundo".