Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CARLOS CALLÓN, PRESIDENTE DA MESA

"O futuro presidente da Xunta promete unha involución lingüística histórica"

A Mesa, que xa prepara a manifestación do Día das Letras, convoca para unha reunión os interesados en achegaren propostas en defensa do galego, este luns

Isabel G. Couso - 13:35 06/03/2009

"Non é atacando á nosa cultura e á nosa lingua como se soluciona a crise", di Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ante o horizonte futuro dun presidente da Xunta de Galiza popular. "O feito de gañar as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdades", asegura negando que haxa unha imposición do galego na nosa sociedade.

Callón pon os documentos sobre a mesa e, nunha rolda de prensa, explica que o Decreto 247 aprobado en 1995 polo goberno do Partido Popular xa recollía a recomendación do uso da nosa lingua polo alumnado: "nas áreas ou materias impartidas en galego débese procurar que os alumnos e as alumnas o utilicen nas manifestacións oral e escrita" (Artigo 8.1). Non é, polo tanto, segundo explica, unha novidade do Decreto 124 aprobado en 2007 (e que contou co apoio do PP, xunto co das demais forzas políticas), senón unha premisa que estivo "presente en todo o proceso autonómico e dende o remate da ditadura franquista". É por isto, que o presidente da Mesa insiste en que as declaracións do futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, no sentido de que os pais poderán escoller a lingua na que serán educados os seus fillos "é unha involución histórica, lingüística e educativamente": "Quen vai garantir, logo, que ao remate dos seus estudos os alumnos teñan competencia comunicativa tanto en galego como en español?" pregunta.

Chamamento a unha manifestación histórica
A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia así un calendario de mobilizacións que se marcan o obxectivo de fortalecer a defensa do galego. A primeira das citas será o vindeiro luns nove de marzo, ás sete do serán, na compostelá Galería Sargadelos. Alí celebrarase unha xuntanza aberta, á que están convidadas todas aquelas persoas interesadas, que pretende promover unha reflexión común e acordar as iniciativas que sexan oportunas para traballar a prol do idioma. Ademais, o vindeiro 18 de marzo terá lugar a Asemblea Xeral da Mesa, na que tamén se decidirán as accións futuras da organización.

Doutra banda, o colectivo xa está a organizar a tradicional manifestación do vindeiro 17 de maio, unha concentración que este ano agardan que sexa histórica. "Non consentiremos este paso atrás", di Callón, polo que "imos movernos e estar atentos e vixilantes ante calquera actitude ou tendencia a mudar para peor a política lingüística do país". Na convocatoria do ano pasado sumáronse a esta manifestación un total de 585 colectivos e unhas 25 mil persoas e o obxectivo desta edición é superar aquela participación.

Finalmente, Callón informou de que a Mesa solicitará unha xuntanza co novo goberno en canto tome posesión, tanto co seu presidente, como cos responsábeis de educación como de política lingüística.


4,72/5 (36 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Callón convoca a todos os interesados a unha xuntanza aberta o vindeiro luns
Carlos Callón convoca a todos os interesados a unha xuntanza aberta o vindeiro luns
A manifestación do último 17 de maio discorreu baixo o lema: "Polo dereito a vivirmos en galego"
A manifestación do último 17 de maio discorreu baixo o lema: "Polo dereito a vivirmos en galego"