Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PONTEVEDRA, DO 13 AO 17 DE ABRIL

A Semana Galega de Filosofía, centrada na educación e na lingua

Os responsábeis da Aula Castelao rexeitan que os pais escollan a lingua na que se educan os fillos pois "tampouco escollen se teñen que aprender a sumar".

Redacción - 19:20 05/03/2009

A educación converteuse no último ano no centro de moitos debates e conflitos: o Plano Boloña, a materia de Educación para a Cidadanía, o ensino en galego, a liberdade de elección por parte dos pais. A Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao, afondará este ano nestes temas na vixésimo sexta edición do encontro, que terá lugar entre o 13 e o 17 de abril en Pontevedra.

A Aula Castelao, que celebrou o pasado ano os 25 primeiros anos da 'Semana', renovou os seus xestores, dando entrada a unha nova xeración de persoas, encabezadas por Carlos Calviño, no presidente da entidade. Calviño salientou que se escolleu a educación como tema principal debido a todos os aspectos ligados a ela postos de actualidade nos últimos meses: "parece que é un tema sobre o que calquera pode opinar, e é necesaria unha voz experimentada e unha voz crítica". O obxectivo destas xornadas será "resolver cuestións básicas como cal é o sentido de educar, cales son as metas da aprendizaxe e como se deciden as ideas e valores que se lles están transmitindo ás novas xeracións".

A lingua galega e a súa presenza na educación tamén centrará as actividades. Os organizadores do evento reiteraron a súa defensa do ensino en galego fronte a "falsos e interesados debates". "A liberdade idiomática é absolutamente falsa e a igualdade non existe porque, aínda que a necesidade de coexistencia das dúas linguas está recoñecida, claramente o castelán é superior ao galego e os alumnos en xeral teñen maior competencia en castelán", sinalou o voceiro do Aula Castelao Eduardo García Parada. Aclarou que, na súa opinión, a liberdade idiomática non pasa porque os pais poidan elixir en que lingua se educan os fillos porque "tampouco elixen se teñen que facer ecuaciones de primeiro grado ou se teñen que aprender a sumar ou restar", e concluíu que "iso correspóndelles aos especialistas".

A 'Semana' mantén a súa estrutura, con sesións teóricas, que se desenvolven pola mañá, mentres que as tardes estarán dedicadas a Galiza e á intervención en palestras e coloquios de expertos convidados. Entre as persoas que participan destacan o tradutor e crítico literario Carlos García Gual, Manuel Delgado, a socióloga e catedrática Marina Subirats, a profesora Goretti Sanmartín e a socióloga chilena Marta Harnecke, que protagonizará a sesión de clausura. Harnecke foi asesora do goberno cubano e na actualidade reside en Venezuela, onde traballa co goberno de Chávez.


5/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: