Supón un perigo para a biodiversidade do lugar, que conta con dunas en pleno período de reprodución.
Nisto consiste o Kite Buggy
A Consellería de Medio Ambiente decretou esta semana a suspensión da carreira de kite buggy que se ía celebrar os días 14 e 15 de Marzo na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Os practicantes desta disciplina montan en triciclos e avanzan utilizando a forza eólica, polo que o vento do nordés que adoita zumbar na Frouxeira facía dela un escenario apetecíbel para os afeccionados a este deporte.
O argumento esgrimido pola consellería para cancelar a carreira foi o feito de que, tal e como tiña reclamado Adega, a celebración desta competición é incompatíbel coa preservación do patrimonio natural da praia. Máis concretamente céntranse nas dunas da Frouxeira, que requiren un especial coidado na época de nidificación e cría en que se atopan.
O colectivo Adega xa protestara pola celebración desta carreira en base ás moitas figuras de protección do patrimonio natural coas que conta esta praia: Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA), LIC Costa Ártabra, Rede Natura, Humidal Protexido, Humidal Ramsar e IBA (Important Bird Area).
Tiñan a concesión do Ministerio
A autorización desta competición fora concedida polo Ministerio de Medio ambiente, Medio Rural e Marítimo como resposta a unha solicitude realizada dende o concello de Valdoviño. No documento que confirma a concesión da licenza, o Ministerio fala de que debían "adoptarse as medidas necesarias para garantir a integridade do dominio público marítimo terrestre", engadindo que cando rematara a competición os responsábeis encargaríanse da "limpeza e reposición do dominio público marítimo terrestre".
Paradoxalmente, e sendo o Ministerio de Medio ambiente quen emite esta concesión, en ningún momento entra en detalles sobre o patrimonio biolóxico da zona. Ademais, o texto fala de "limpeza e reposición" para reparar posíbeis perdas na biodiversidade que, de realizarse, terían difícil solución.