Este organismo alerta de que máis da metade das poboacións comerciais de peixes mariños están sendo totalmente sobreexplotadas.
Unha vez máis, os organismos internacionais fanse eco do perigo que corren as especies mariñas a nivel mundial. Foi na última edición do Estado Mundial da Pesca e da Acuicultura (SOFIA, nas súas siglas en inglés), que publica a ONU. Nel advirten da necesidade de aplicar prácticas pesqueiras responsábeis de forma máis xeneralizara e recomendan a ampliacións dos plans de xestión actuais para incluír estratexias que fagan fronte ao cambio climático.
Esgotamento de especies
O informe asegura que as zonas con máis proporción de poboacións pesqueiras explotadas son o Atlántico nororiental, o Océano Índico Occidental e o Pacífico noroccidental. Sobre os niveis, alerta de que máis da metade destas poboacións (52%) están plenamente explotadas e, en consecuencia, producen capturas próximas aos seus límites máximos sostíbeis, sen posibilidade algunha de aumentar. Ademais, outro 28% están sobreexplotadas, o 8% esgotadas e un 1% en recuperación logo do seu esgotamento.
Cambio climático
Outro dos grandes problemas para a pesca mundial, ademais da sobreexplotación, son os efectos do quencemento global. O estudo informa de que o cambio climático está a modificar a distribución das especies mariñas; os peixes de augas máis mornas desprázanse cara os polos e experimentan cambios na produtividade e no tamaño do seu hábitat. Ademais, estes cambios afectan á estacionalidade dos procesos biolóxicos, alterando as redes alimentarias mariñas.
Emisións de carbono
Ademais, a propia actividade pesqueira contribúe ás emisións de gases de efecto invernadoiro durante as súas operacións (transporte, procesado ou almacenamento de peixe) o que tamén ten consecuencias nas propias especies. A estimación é que a relación entre o combustíbel e as emisións de CO2 é de uns tres teragramos de dióxido de carbono por cada millón de toneladas de combustíbel empregado. A FAO pide, neste eido, unha mellor xestión para aumentar o rendemento do gasóleo para o sector.
Moitas embarcacións
Doutra banda, o SOFIA cualifica como un dos problemas graves para a pesca actual, o exceso de capacidade, é dicir, a suma de demasiadas embarcacións e tecnoloxías pesqueiras. A flota motorizada mundial ascende a preto de 2,1 millóns de barcos e a súa inmensa maioría (90%) mide menos de 12 metros de eslora. Mentres, outras 23 mil embarcacións son industriais e de gran tonelaxe. Con todo, descoñécese a nacionalidade de milleiros delas, unha categoría descoñecida que aumentou nos últimos anos malia os esforzos por eliminar a pesca ilegal a nivel mundial.