A Coordinadora Galega de ONGD presentou, no Parlamento, 6.542 sinaturas que recolleu nos últimos meses, para presentarlle ao Goberno que saía das urnas o domingo.
A Coordinadora Galega de ONGD presentou, esta quinta feira ao mediodía no Rexistro do Parlamento, as 6.542 sinaturas que recolleu nos últimos dous meses para exixirlle ao Goberno que saia elixido o vindeiro 1 de marzo que destine o 0,7% dos seus orzamentos á cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, anunciou a súa intención de desenvolver, para este fin, unha iniciativa lexislativa popular.
Na actualidade, e segundo contan dende a Coordinadora Galega de ONGD, Galiza é a Comunidade Autónoma que destina a axuda máis pequena de todo o Estado Español á cooperación internacional: o 0,11% dos seus orzamentos. Este feito contrasta coas promesas feitas nos programas electorais dos dous partidos que gobernaron nesta lexislatura (PSdeG e BNG), en xullo de 2005, ou co Plan Director da Cooperación Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento o 24 de abril de 2006, documentos, ámbolos dous, que prometían destinar uns fondos nunca inferiores ao 0,4% dos orzamentos totais do Goberno.
A Coordinadora Galega de ONGD -entidade creada en 1991 e que agrupa a 47 ONG para o Desenvolvemento de todo o país-, tamén criticou que nas promesas electorais do PSdeG, o seu candidato Emilio Pérez Touriño fale de comprometerse en mudar esta cantidade para o 0,2% en 2012, cando está "moi lonxe das promesas de hai catro anos", dos "compromisos deste partido" a nivel estatal e "das demandas da cidadanía galega". A Coordinadora tamén sinala que esta promesa "contrasta", ademais", co "propio programa electoral que o PSdeG presenta" nestas eleccións, "no que recolle como horizonte o 0,7%", ou co feito de que unha das sinaturas entregadas esta quinta feira no Parlamento sexa a "do propio propio secretario xeral dos socialistas galegos, D. Emilio Pérez Touriño, quen accedeu a asinar apoiando esta reivindicación do 0'7 a petición de voluntarias de ONGD integradas na Coordinadora Galega o pasado 14 de febreiro nas rúas compostelás". Porén, dende este colectivo non din nada sobre as promesas ou implicacións do outro partido no poder, o BNG, ou sobre outras organizacións políticas que concorren nestes comicios.