Á volta de 300 delegados da CIG pertencentes a diferentes fases produtivas da automoción saíron á rúa para protestar polos despidos sufridos no sector.
Este mércores a CIG organizou unha protesta na que participaron sobre 300 delegados do metal, das químicas e do téxtil; tres eidos integrados no sector da construción de automóbiles. A mobilización consistiu nunha marcha que foi dende o local da central sindical até un céntrico cruzamento de rúas onde teñen as súas sedes catro dos bancos máis importantes que operan na cidade.
Unha vez alí, os manifestantes cortaron o tráfico e posteriormente ceibaron 400 globos nunha acción pacífica de protesta contra os máis de 4.500 postos de traballo perdidos na automoción dende outubro do ano pasado. Segundo anunciou o sindicato, esta é só a primeira acción dunha campaña de mobilización contra a situación na construción de automóbiles.