Polo PPdeG participou Pedro Puy, candidato número 6 pola Coruña. Polo PSdeG, Guillermo Meijón, candidato número 6 por Pontevedra. O responsábel do Gabinete de Estudos do BNG, Aleixo Vilas, foi o encargado de contestar as preguntas de Vieiros a través dun cuestionario, debido a problemas de axenda do responsábel nacionalista neste eido.
Financiamento das universidades
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "En primeiro lugar, cómpre dotalas de recursos para lles poder facilitar a súa adaptación a Boloña, e en segundo lugar, mellorar o sistema de acceso ás bolsas. Este financiamento debe estar condicionado por criterios como a calidade e vinculado á investigación nos sectores produtivos do país".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Está previsto un plan de financiamento universitario global para ser incluído nos orzamentos de 2010, un plan que será quinquenal e que procura a converxencia definitiva co Estado. O investimento suporá o 1,5% do PIB, uns seis mil euros por estudante".
BNG: "Poremos en marcha un modelo de financiamento que garanta cando menos un esforzo económico que no corto prazo, na próxima lexislatura, converxa coa media española en termos de porcentaxe sobre o PIB, cun escenario no medio e longo prazo que permita a converxencia coa media europea".
Adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (Plano de Boloña)
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "O PPdeG está a prol do proceso de Boloña. Podemos ver como a universidade americana (de EUA) domina a investigación no mundo. E en Europa o sistema universitario alemán é o mellor porque está baseado na educación transfronteiriza e contempla un financiamento para a levar a cabo".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Consideramos que é unha grande oportunidade para ter universidades galegas que poidan competir coas do Estado e coas da UE en termos de eficiencia. Debemos minimizar os aspectos malos do plano e maximizar aqueles positivos. Aquí tamén entra o tema do financiamento: para favorecer a adaptación duplicaremos as bolsas, ofertaremos unha complementarias ao Estado, crearemos unhas para os másters, e facilitaremos o acceso ás residencias universitarias".
BNG: "Preocúpanos o efecto que pode ter a adaptación. No caso concreto de Galiza supón unha recentralización estatal das competencias educativas. Abren a senda a unha universidade posta ao servizo do sistema económico e non da sociedade. O "discurso da calidade" está a provocar que se esqueza a misión clásica da universidade -servizo á sociedade, promoción da cultura e do coñecemento- en troques da procura da rendibilidade económica a curto prazo. Ademais, conducirá á xerarquización das Universidades: aquelas que teñan un carácter periférico -como as galegas- ficarán reducidas a institucións de formación de traballadores precarios cualificados, imposibilitando a súa función de liderado intelectual e ético da sociedade". Oposición a Boloña de gran parte da comunidade educativa: Cara á privatización da universidade?
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "A comunidade universitaria ten que comprender que a educación universitaria se desenvolve nun plano competitivo. Se queremos ter unha economía moderna e preparada, e o sistema universitario é a principal factoría de investigación, debemos de conectar as universidades cos sectores produtivos: a pesca, o agro, a automoción. O coñecemento ha de ser autónomo".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Nós entendemos que non. A autonomía universitaria está garantida por lei, tanto a nivel estatal como galego, polo tanto, unha cousa é que poida haber unha colaboración e outra que vaia haber inxerencias das empresas. Esta colaboración ha servir á inserción laboral, ás prácticas en empresas, á consolidación dos investigadores, á difusión dos currículos".
BNG: "Baixo palabras como 'excelencia' e 'calidade', Boloña agocha un proxecto educativo de clara orientación neoliberal. Por exemplo, as Universidades teñen cada vez maior necesidade de apañar financiamento privado, que está a supor unha cada vez máis forte dependencia do sector produtivo, en detrimento da súa autonomía; hai fortes incrementos no prezo das matrículas e unha progresiva substitución das bolsas de estudo por créditos".
Perigo de desaparición das carreiras menos competitivas a nivel de mercado? Demasiados graos repetidos no país?
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "Isto ten relación cos recursos escasos das universidades e coa competitividade. Hai materias, entre comiñas, non competitivas. Pero do que se trata é de que dende as Administracións aseguremos o coñecemento de calidade en todas as áreas, facendo un esforzo especial nas que están vinculadas co sistema produtivo".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Efectivamente, a universidade non pode actuar en termos de rendibilidade como unha empresa privada. A universidade ten que traballar na creación de coñecemento. Nós somos partidarios dunha revisión periódica da idoneidade da oferta, pero non baseada en cuestións de rendibilidade económica. Calquera redución de graos ten que vir do acordo entre as tres universidades. Outra cousa é que eses graos repetidos representen currículos diferentes, é dicir, que vaian cara á especialización".
BNG: "Boloña impulsa unha Universidade mercantilizada. Vai prevalecer unha visión esencialmente utilitarista do coñecemento, que a universidade se poña ao servizo das empresas, atendendo só a formación dos profesionais que estas demandan. Carreiras cunha función que non está tan directamente orientada ás necesidades do mercado corren o risco de desaparecer. Ademais, esta visión utilitarista impedirá que Galiza conte con titulacións centradas na resolución dos seus problemas como nación periférica".
Medidas para incrementar o uso do galego e para que o alumnado remate a carreira dominando o inglés ou outra lingua
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "Hai que saber combinar. Por unha banda defender o dereito a estudar na lingua propia. Pero o uso debe estar en función dos regulamentos e a autonomía de cada universidade. O descoñecemento do inglés é un problema que vén da Educación Básica. Por iso, levamos no noso programa os centros trilingües. O obxectivo é chegar á universidade sabendo inglés. Estase dando unha desigualdade grande porque os centros privados están a facer unha forte aposta polo inglés".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Este é un tema importantísimo. E cando falamos de competencia lingüística, debémonos referir tanto ao alumnado como ao profesorado. Traballaremos por unha universidade máis internacionalizada, e potenciaremos a ensinanza das linguas estranxeiras a efectos de normalidade, con maior presenza de alumnos de Erasmus. Respecto ao galego, remitímonos ao acordado no Plan Xeral de Normalización Lingüística, acomodado dentro da autonomía dos centros, sen esquecer o país no que están, que é Galiza".
BNG: "É alarmante a baixa porcentaxe tanto de usuarios de galego como de aulas impartidas na nosa lingua. Adoptaremos medidas para que a universidade sexa un foco de difusión da cultura e lingua galegas, contribuíndo á súa universalización e mellorando a súa escasa presenza nos ámbitos docente e investigador. E impulsaremos medidas decididas para incrementar o plurilingüismo, nomeadamente do inglés, entre o alumnado universitario".
Principal logro e maior fracaso do Goberno bipartito
SE CAMBIA O GOBERNO
PPdeG: "Non sería quen de dicir que é o mellor. O peor foi deixar as universidades 'colgadas' financeiramente para a súa adaptación ao Espazo Europeo, e tamén, non explicar ben á sociedade en que consiste esta adaptación".
SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
PSdeG: "Houbo un interese claro do Goberno en aumentar o financiamento das universidades, acompañado de máis bolsas. Neste senso destacaría o aumento nun 62%. O investimento por alumno tamén aumentou dos 3.200 aos 5.700 euros nesta lexislatura, e o total, dos 3.200 millóns aos 5.700 millóns euros, un 45% máis".
BNG: "Sobre a base de que se puxeron en marcha mecanismos de diálogo entre a administración e as tres universidades galegas, o certo é que non houbo ningún logro significativo. Alén doutras actuacións insuficientes, foi un fracaso non cuantificar o custe da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior no Sistema Universitario Galego, que por certo era unha das obrigas adquiridas ao abeiro do actual Plano de Financiamento do SUG, algo que vai dificultar que a universidade cumpra a súa función como servizo público".