EUA negocia a nacionalización de Citigroup, en crise financeira e hipotecaria, asumindo até o 40% do seu capital.
Citigroup, que até a crise foi a primeira entidade bancaria dos Estados Unidos, perdeu no pasado ano 18.715 millóns de dólares. A súa situación financeira e hipotecaria é delicada, polo que xa ofreceu unha proposta de intervención que se está a negociar co goberno estadounidense. Segundo informa o Wall Street Journal, as conversas para o rescate do xigante bancario oscilan agora entre unha participación estatal do 25 e do 40%.
O grupo xa recibiu do goberno 45 mil millóns de dólares para intentar superar a crise, o cal supón un oito por cento de participación da entidade. En contraposición, o goberno exixiulle que adoptase medidas para a súa reactivación. Agora, como daquela, a posíbel intervención do goberno xa tivo a súa repercusión na bolsa, onde as cotizacións xa están a experimentar alzas logo de continuadas baixadas.
Futuro das autoestradas
Mentres, a adquisición por parte do xigante bancario nas autoestradas galegas está preto de converterse nunha realidade. A Comisión Europea deu a pasada semana o visto bo para a compra de Itínere, o grupo filial de Sacyr Vallehermoso encargado da explotación da Autoestrada do Atlántico.
Así, a previsión é que Citi lance a oferta pública de adquisición de accións (OPA) sobre o 100% de Itínere a mediados do vindeiro mes de marzo, de xeito que a operación estivera pechada en maio. Suporá un total de 7.887 millóns de euros e contempla a venta dos dereitos sobre a AP-9, entre Vigo e A Coruña; o 18% da AP-53, que une Santiago con Ourense; a AG-55, entre a cidade da Coruña e Carballo; e a AG-5, entre Puxeiros (Vigo) e Val Miñor. Ademais, o paquete contempla tamén a autovía do Barbanza, aberta recentemente.