Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O FILME ESTREA WEB

Setembro ha chegar algún día...

A película conta con axuda pública pero non foi quen de arrincar o apoio da iniciativa privada. Busca o seu relanzamento na rede.

M.S.P. - 10:30 23/02/2009

"Historicamente, as infraestruturas chegan con atraso a Galicia. E algunhas non han chegar nunca. Co cine ás veces ocorre algo semellante. A diferencia entre o Metro de Galicia e Setembro é que Setembro ha chegar algún día". É o encabezamento da web de Setembro, un filme que non naceu ainda, unha película que se converteu nun símbolo das dificultades que existen en Galiza para poder facer cine.

Repasemos a xa longa historia deste filme: En 2007 recibiu 240 mil euros na convocatoria de axudas á produción da Consellaría de Cultura, que axudaban a complementar o millón de euros do orzamento do filme. Porén, a película non foi quen de conseguir nos bancos o financiamento restante ou os avais necesarios. A rodaxe ía comezar en outubro de 2008, pero paralizouse. Dende entón o equipo pelexou por relanzar o proxecto, comezando pola estrea hai unhas semanas dunha curta, '5 pezas', a xeito de precuela, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Agora, esa curta e unha gran cantidade de materiais do filme, pódense ver xa nunha coidada páxina web. Alí atopamos presentacións dos actores e personaxes da película, vídeos da rodaxe, un diario de viaxe e un diario de produción, fotos e un completo dossier de prensa. A web vaise ir actualizando constantemente.

A estrea da curta foi tan só o punto de partida dun proceso no que o equipo de Setembro quere dar a coñecer o proxecto, no que a súa web vai cumprir un papel moi importante: "o filme agora é só unha parte máis do proxecto", din. "O obxectivo", explican, é "ir construíndo de maneira colectiva gran parte da película na Rede, e darlle voz ao crecente movemento xerado sen diñeiro e arredor de Setembro por membros dunha xeración que pide paso, que quere evitar por todos os medios que morra este proxecto, unha xeración que quere facer cine na súa terra e non está disposta a emigrar".


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: