O programa iSec, que se presentará dentro duns meses, permitirá certificar a data e identificar o cargo da persoa asinante.
Un consorcio formado polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a empresa Aldaba presentará nos próximos meses o proxecto iSec (Infraestrutura de Sinatura Electrónica Cualificada). Segundo estas entidades, o proxecto situará Galiza no escenario internacional da seguridade informática baseada na certificación dixital.
Esta investigación pretende levar ao plano electrónico os procesos e os aspectos legais da sinatura manuscrita, e estivo financiada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellaría de Innovación e Industria.
O novo software baseáse na tecnoloxía de Infraestrutura de Xestión de Privilexios e mais nunha Autoridade de Selado de Tempo que usa fontes como o GPS ou a rede de satélites Galileo. O desenvolvemento permite a súa fácil inclusión en aplicacións que necesitan control de autorización e no ámbito de xestión corporativo.
O proxecto iSec servirá de complemento ao DNI electrónico, que só permite a identificación da persoa asinante, mais non o seu cargo, autorización ou rol dentro dunha institución. Ademais, achega o selado de tempo como mecanismo de protección básico, para reflectir no proceso de sinatura a existencia dun documento nun instante concreto, dun xeito sinxelo e fiábel.
A solución proposta polo proxecto foi probada en varios casos prácticos de uso: asinar documentos onde o asinante teña un rol cualificado por unha entidade superior e que inclúa a data de sinatura de xeito fiábel, a sinatura cualificada de documentos en formato XML e o acceso seguro a servizos de computación xestionados pola organización á que pertence o usuario.
iSec presentarase nos próximos meses como produto comercial, cun primeiro destino nas administracións públicas e no mercado empresarial, para finalmente difundir o proceso de sinatura electrónica a toda a poboación.