Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIO DE CAIXANOVA

Manuel Rivas faise co Fernández del Riego de xornalismo

O xurado recoñeceu o seu artigo 'A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick', publicado por El País en xullo de 2008.

Redacción - 18:01 17/02/2009

Estamos no Ano Piñeiro e o xurado da VI edición do Premio Fernández del Riego decidiu recoñecer un artigo escrito, precisamente, ao fío da decisión da Real Academia de dedicar ao intelectual galeguista o Día das Letras. O 11 de xullo de 2008 Manuel Rivas escribiu en El País A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick, unha reflexión sobre a figura de Ramón Piñeiro centrada no obxecto físico máis asociado a el: a súa mesa camilla: "Non sabemos se todo un monte, o de Gaiás, parirá un rato ou un mamífero cultural", escribiu Rivas, "mais a mesa, aquela sinxela mesa de madeira de piñeiro de Piñeiro, foi o epicentro, o punto xeodésico, a lanzadeira dun renacemento na escuridade".

"Falar de Ramón Piñeiro sen a súa mesa é como falar do rei Artur sen a Táboa Redonda", escribiu Rivas, que continuaba: "Jacques Derrida subliñou a importancia dos detalles limiares nos libros. A cuberta, as gardas, as páxinas de cortesía... Todo iso é esencial no libro. Pois a mesa era o grande detalle limiar de Piñeiro". Ao fío da mesa camilla, Manuel Rivas conta a súa experiencia persoal con Piñeiro: "Xuro que a primeira vez que sentei en Xelmírez 15, aló na primeira mocidade, sentín o arrinque das turbinas e o despegue da mesa. Non dixen nada (...) Deixeime ir porque don Ramón era un piloto que transmitía confianza".

Rivas conclúe o seu artigo falando da importancia histórica da obra (escrita ou non) de Piñeiro, e do propio piñeirismo, máis ca un movemento, a súa propia pegada na realidade galega: "E que cousa o piñeirismo? Ese home en loita co "ambiente cósmico", que viaxaba no espazo-tempo, que fixo da mesa de braseiro unha supercomputadora, era tamén un paradigma de realismo. Piñeiro tiña dúas conexións, en realidade complementarias. O ollar cósmico e o principio de realidade".

Premio Julio Camba
Por outra banda, Caixanova tamén fallou o premio Julio Camba, dotado igualmente con doce mil euros, e dedicado a textos xornalísticos en castelán. O gañador foi Pedro Ugarte, pola columna 'La descendencia', publicada na edición para el País Vasco de El País o 1 de novembro de 2008. Trátase dun texto moi literario que, segundo Alfredo Conde, "podería asinar perfectamente o propio Julio Camba".


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: