Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Euskadi

'O exilio galego en Venezuela', deica o venres na Bilboko Burtsa

En máis de 100 fotos réndese homenaxe aos políticos venezolanos que apoiaron o exilio vasco e galego.

Redacción - 12:15 17/02/2009

O antigo edificio da Bolsa de Bilbo (Euskadi), o Palacio Yohn Jauregia, acolle dende este luns (16 de febreiro) deica o venres (20 de febreiro) a exposición O exilio galego en Venezuela, elaborada polo investigador, especialista no tema e colaborador de Vieiros, Xurxo Martínez Crespo, e organizada pola Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo coa colaboración de Raúl Río.
 
Composta por 19 paneis de gran tamaño e editada pola Fundación para o Estudo e a Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (FESGA), narra a chegada do exilio galego a Venezuela dende os primeiros exiliados vascos, pasando pola fundación do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), primeira organización armada en loita contra a ditadura franquista que realizou o primeiro secuestro con fins políticos da historia da humanidade: o barco de pasaxeiros portugués Santa Maria en 1961.

A exposición, a través de máis dun cento de imaxes e un traballo de anos de procura e colleita de información, fai fincapé nos gobernos progresistas venezolanos de 1945 a 1949, a Xunta Revolucionaria presidida por Rómulo Betancourt e o goberno progresista do escritor Rómulo Gallegos en 1948 quen, á súa vez, viviu entre 1934 e 1936 exiliado en Beluso (Bueu, O Morrazo). Betancourt e Gallegos romperon relacións diplomáticas coa ditadura de Franco e recoñeceron a legalidade republicana.

O exilio galego en Venezuela rende homenaxe aos políticos venezolanos que apoiaron o exilio vasco e galego; a diplomáticos republicanos coma o lucense Xesús Vázquez Gayoso, que dende o seu posto de cónsul da República en Caracas, realiza numerosas xestións para liberar os centos de inmigrantes irregulares do Estado Español que fuxían da ditadura e que internaban no campo de concentración para estranxeiros de Guasina.

A exposición chega aos descendentes dos exiliados que participaron nas loitas guerrilleiras dos anos 60 e á súa participación na actual revolución bolivariana.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: