Os habitantes da vila mariñá xuntáronse para loitar pola preservación dos ríos Figueiras e Tronceda, tentando evitar a construción de novos aproveitamentos hidroeléctricos.
Esta quinta feira quedou constituída en Mondoñedo (A Mariña) a Plataforma Furapresas, creada polos veciños e veciñas da vila que se mobilizaron para evitar a construción de dúas novas minicentrais nos ríos Tronceda e Figueiras.
Na primeira xuntanza, subscribiron un seu manifesto (pode lerse aquí, en .pdf), e acordaron crear un grupo de traballo que ha planificar novas adhesións e tentar visibilizar, dende Mondoñedo a toda a Mariña, a magnitude dos danos que causan as minicentrais nos ríos. O que pretenden os e as mindonienses é artellar unha mobilización social firme e, ao tempo, manter un diálogo permanente coas administracións afectadas.
O furapresas é un mamífero (de nome científico, Galemys Pyrenaicus) que habita nalgúns ríos galegos. É unha especie endémica da Península Ibérica que se pode atopar nos augas ben conservadas e limpas, en hábitats que non foron alterados. O seu principal inimigo son os aproveitamentos hidroeléctricos, e a contaminación das augas. En galego tamén se coñece polo nome de Auganeira. A Plataforma escolleu este nome por tratarse dun animal que está a desaparecer dos ríos por causa da construción de minicentrais hidroeléctricas, mais, alén diso, segundo contan, "trátase dun nome moi axeitado ás nosas pretensións: a desaparición das presas, e deste xeito dar vida aos nosos ríos".