Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DEPORTES TRADICIONAIS

“Non só debemos xogar, temos que seguir creando xogos”

Vieiros falou co primeiro presidente da Asociación do Xogo Popular e Tradicional, Paco Veiga, sobre o presente e futuro do noso patrimonio lúdico.

Pablo García Martínez - 17:20 13/02/2009
Paco Veiga

Paco Veiga

Paco Veiga é o autor da única tese feita en Galiza sobre os xogos populares e tradicionais, titulada Xogo popular galego e educación. Ademais, Francisco Manuel Veiga García foi o primeiro presidente da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional cando esta se creou no ano 2003, cargo que na actualidade ocupa o seu compañeiro Xan Méndez. Veiga compaxina a súa devoción polo patrimonio lúdico do país coas clases de lingua galega que imparte no instituto público de Melide. Vieiros falou con el para analizar a situación dos Xogos Tradicionais e o panorama que se abre co inicio do proceso de elaboración do plan estratéxico.

Que función cumpre a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional?

Adicámonos á recuperación e divulgación. Algunhas das actividades que facemos é dar cursos en escolas e universidades, ir polos centros divulgando o xogo entre os rapaces, e incluso colaboramos nalgún proxecto audiovisual. Ademais cumprimos unha función de investigación e, por exemplo, agora estamos traballando no Libro dos Xogos da Terra de Melide.

Que supón a posta en marcha do Plan Estratéxico de Xogos e Deportes Populares e Tradicionais?
A nivel de estado non existe unha federación que coordine todo, entón nos relacionámonos directamente con Europa. Todos os colectivos que traballamos neste eido en Galiza agrupámonos en Brinquedia, e estamos rexistrados dentro da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais. En Europa hai pobos que levan moito tempo traballando na recuperación do seu patrimonio lúdico, como os bretóns ou os flamencos, en Bélxica. Este plan demostra que Galiza non quedou á marxe deste proxecto de traballo e non só iso, senón que o plan é punteiro e, por primeira vez, a administración xunta aos sectores implicados no xogo tradicional e pregúntalles en que dirección pensan que debemos traballar. É o primeiro paso do que nós sempre soñamos dende que creamos a AGXPT, e se isto vai para adiante xa podemos dar cunha pedra no peito.

Cales son os grandes obstáculos para o desenvolvemento polo que loitades?
Un dos grandes problemas é que os afeccionados aos xogos tradicionais normalmente defenden ou entenden do seu xogo e hai moi pouca xente que pensa globalmente na problemática do patrimonio lúdico. Cada vez hai máis xente que ve isto dun xeito global, pero segue sendo unha eiva importante.

Como avalías o traballo pola administración nos últimos catro anos neste eido do que estamos falando?
Está claro que a Dirección Xeral de Deporte encarou o asunto con seriedade. Cando nós comezamos non tiñamos con quen falar e agora non só temos con quen falar senón que eles mesmos teñen iniciativa e son quen acode a nós moitas veces. O problema eu véxoo na Consellería de Educación, que non aproveita o campo ilimitado que ten para traballar na reconstrución do país, e aquí xa non falo só dos xogos tradicionais.

A Liga Nacional de Billarda é unha das iniciativas de xogo tradicional máis coñecidas. Que opinas do seu traballo?
Aquí hai dúas cousas distintas. En primeiro lugar está o proxecto de recuperación do patrimonio lúdico, que debe comezar polo máis vistoso como a billarda ou a chave, para que a xente o identifique; e por outra parte están os xogos propiamente e iso é máis difícil. As cousas hai que construílas dende abaixo, mais debe ser visíbel para que a xente o recoñeza, sendo aquí onde a LNB fai un gran traballo. Unha cousa da que quero aproveitar para falar son as normas estándar que rexen a billarda e son necesarias para que todos poidamos competir. Aínda así, a billarda foi sempre un deporte nacional galego e en cada recuncho tiñan as súas normas, que debemos conservar alén do estándar, cada aldea debe conservar o seu xeito de xogar.

Pensas que os patrimonio lúdico do país chegou a pasar un risco real de extinción?
Galiza correu perigo real ela mesma e igual que correu perigo o idioma, e segue correndo, tamén o perigou a permanencia do patrimonio lúdico, mais hoxe non chegamos tarde. Nós estámonos reconstruíndo como país e no terreo do patrimonio lúdico non é tarde para traballar na reincorporación á cadea de construción cultural. A xente non só ten que xogar, senón que debe crear xogos dependendo da realidade do seu tempo, tendo en conta cousas tan triviais como os materiais que teñan para construír os xoguetes. Este traballo ten un valor moi importante de cara a seguir construíndo o país, porque o país non só vive do pasado, ten que mirar cara o futuro.


2,5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: