Mario Regueira analiza os libros presentados nas últimas semanas sobre Benedicto e Miro Casabella.
É sabido que os movementos da canción protesta dos 60 e 70 sufriron os seus propios procesos de marxinación e esquecemento, especialmente aqueles que tentaron ser feitos en linguas minorizadas. Porén, vascos e cataláns conservaron até hai pouco a vixencia musical e testemuñal dalgunhas das figuras que formaran en tempos Els Setze Jutges e Ez dok amairu, e apesar do ocaso e desaparición destes movementos podían dar por boa a experiencia e desfrutar de músicos como Lluís Llach ou Mikel Laboa. Fronte a isto o equivalente galego foi completamente arrasado polo tempo, probabelmente pola acción da súa propia precariedade, pero tamén con sombras de liortas internas. Apenas Suso Vaamonde e Miro Casabella continuaron algo semellante a unha carreira musical propia, nos dous casos con similares ou maiores dificultades que na etapa precedente.
O reflexo do colectivo en publicacións foi practicamente nulo durante moitos anos. Até os dous libros que nos ocupan, a única obra publicada, aparte dalgúns artigos, era Voces Ceibes de Vicente Araguas, editada por Xerais no ano 1991, a medio camiño entre a crónica e libro de memorias. Tamén o recompilatorio Noticia da Nova Canción Galega, dirixido por Suso Vaamonde, merece unha mención especial, pois recollía as primeiras gravacións realizadas por membros do grupo.
Porén, a verdadeira recuperación do legado de Voces Ceibes chegou, probabelmente, da mao dun momento tecnolóxico distinto, e protagonizado por páxinas web, máis que por proxectos editoriais ou discográficos. Labouras de recuperación como as levadas a cabo por Ghastas Pista, ou a primeira etapa d'A Regueifa, que chegou a publicar no seu netlabel un concerto de Benedicto e Bibiano. Este interese completouse nas páxinas persoais dos propios protagonistas, como o caso de Benedicto ou Bibiano, alentando á "pirataría" ou disponibilizando directamente discos que levaban máis de trinta anos sen editarse. Finalmente a día de hoxe, a práctica totalidade do catálogo de Voces Ceibes pode ser atopado na rede a un par de golpes de buscador, feito este que devolve tamén o seu legado cultural ás novas xeracións, tras tantos anos sepultado. Unha nova vixencia que non podía pasar desapercibida para o mundo editorial, que da mao das dúas grandes editoras lle dá a súa cumprida resposta.
Sonata de amigos, as memorias de Benedicto
Sonata de amigos
Benedicto García Villar
Vigo. Edicións Xerais de Galicia, 2008, 17 €
Rústica con lapelas, 178 páxs.; 17 x 24
O libro de Benedicto é un exemplo de como mudaron os tempos dende aquel Voces Ceibes de Vicente Araguas. Formalmente dentro da mesma colección ("Crónica"), o seu formato é completamente distinto, máis grande e cunha maquetación máis xenerosa co lector en canto ao tamaño da letra. Pero alén destas mudanzas, se cadra o máis destacábel é a enxurrada de documentos inéditos que incorpora e que, apesar das limitacións do branco e negro e do tipo de papel empregado, constitúen un factor importante a ter en conta, especialmente se valoramos o feito de que moitos deles non poden ser atopados (aínda) na rede. Cartaces, follas voandeiras, cartas das discográficas ou borradores das cancións do autor, alén da súa importancia documental, consiguen darnos unha sensación de proximidade coa época rememorada por Benedicto, e permítennos deternos nos aspectos máis anecdóticos e cotiás do que foi o movemento.
As memorias de Benedicto adican unha parte fundamental do seu desenvolvemento á Voces Ceibes. Porén, hai que aclarar que son sobre todo un exercicio persoal, moito máis persoal se cadra que o de Araguas, que á fin pretendía historiar o discorrer do movemento. Sonata de amigos fala sobre todo do Benedicto cantor, pero sempre dende unha óptica absolutamente persoal, na que o colectivo ten o seu papel, pero sempre en función de como foi vivido polo narrador, renunciando de entrada a facer máis xuízos sobre o mesmo que os estrictamente necesarios. Ao lado de Voces Ceibes, aparece tamén a aventura galego-portuguesa que supuxo para el o contacto e colaboración con José Afonso (co que estrearía Grândola nun concerto en Compostela), así como o tempo no que fixo parcería con Bibiano, a época dos festivais antifranquistas por Europa... pero tamén, e cunha sinceridade e proximidade dignas de loubanza, as súa época escolar, as circunstancias familiares, a súa vocación de mestre, ou o traballo sindical rematada a dictadura. O estilo é o mesmo que lle coñeciamos doutros artigos de memorias espallados pola rede: conciso e sinxelo, cunha linguaxe coloquial que consigue involucrarnos no narrado.
Apesar das posíbeis discrepancias políticas co que enuncia Benedicto (e que poden comezar polo mesmo prólogo e continuar nalgunha valoración puntual sobre o final do movemento), hai que recoñecer que a súa figura é capaz de levantar por si mesma, coa súa sinxeleza e proximidade, todo o libro. A sensación final é a de estar ante a experiencia dun home que fixo sempre, cunha dose de paixón e sinceridade envexábeis, aquelas cousas nas que creu.
Miro Casabella, inmenso traballo documental
Miro Casabella e a Nova Canción Galega
Xan Fraga
Vigo. Editorial Galaxia, 2008, 28 €
Rústica con lapelas + CD, 144 páxs.; 24 x 21
Ben distinta é a aposta da Editorial Galaxia, nesta ocasión un libro documental feito por Xan Fraga que se centra na figura de Miro Casabella, pero que aporta tal cantidade de información que ben serviría para documentar todo o movemento de Voces Ceibes, ou mesmo a historia da canción galega durante eses anos. Nun formato moi coidado, que prima moito o aspecto visual, o libro de Xan Fraga achégase ao concepto do libro obxecto que ademais é acompañado dun cd de oito temas, unha escolma da traxectoria musical do cantor de Ferreira do Valadouro efectuada por el mesmo. Apesar do atractivo deste agasallo, cabe dubidar, en relación ao momento tecnolóxico mentado anteriormente, se non podería estar mellor aproveitado, ofrecendo material inédito, (aproveitando o feito de que o autor é o último membro de Voces Ceibes en activo), ou polo menos reeditando completo algún dos traballos que non viu nunca o formato dixital.
O seu desenvolvemento segue a carreira de Miro, aínda que analizando esa traxectoria no marco común do que estaba a ser a música galega e estatal naquela altura, cun traballo de documentación que se presinte intenso e intachábel, xa que tamén remite a outras realidades internacionais coas que a canción galega estivo fortemente ligada. Resalta o facilmente que pode oscilar o libro entre as anécdotas persoais de Miro e esa outra perspectiva xeral que atinxía a todo o movemento, nun equilibrio moi ben conseguido. Así xunto a informacións das loitas sociais da época, podemos saber das dificultades legais de Miro para poñerlle Eusenda á súa filla, e xunto ao apartado adicado á historia do colectivo, non falta tamén un sobre a experiencia de Miro no grupo Doa, ou sobre os anos de inactividade do cantor. Do mesmo xeito, trátase de ofrecer unha versión obxectiva xeral, aínda que en ocasións as valoracións do autor ondean por riba desa intención, e noutras botamos en falta que se deixe escoitar un pouco máis a versión ou as opinións de Miro, o verdadeiro protagonista do libro.
En calquera caso, e aínda que o texto non desmerece e está a altura, non cabe dúbida de que a faceta máis atractiva da obra é a visual e documental. Multitude de fotos persoais do músico, unha discografía completísima da época, con reproducións das carátulas dos discos (incluídas moitas rarezas), cartaces de concertos e o inevitábel cancioneiro... o aspecto gráfico sobresae dun xeito indubidábel, e ademais ten o aliciente de estar acompañado, entre outros documentos, da transcrición dos informes policiais da época. Sen dúbida un formato que o movemento de Voces Ceibes merecía, como o merecía a senlleira figura individual de Miro Casabella, e que agardamos que sente un precedente para futuros traballos.