Neste senso, acabamos de presentar un recurso de alzada ante o Ministerio de Industria para así paralizar o proxecto da posta en fucionamento da cental hidroeléctrica Santo Estevo II, que está executando a Iberdrola en Nogueira de Ramuín. A Plataforma solicitou información á Confedederación Hidrográfica do Miño-Sil con sede en Ourense, sobre a autorización administrativa para executar tales obras. Até o de agora, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil negouse a aportar datos e a informar con transparencia sobre tales obras. Varios membros da Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra solicitamos os planos do depósito de entullos do proxecto Santo Estevo II, obtendo respostas abraiantes: nun caso os funcionarios da Confederación indicaron que documentación hai que solicitala a Madrid ao Ministerio de Medio Ambiente. Noutro, a resposta foi simplemente "non temos a documentación que solicitan".
Resulta escandaloso e proba a deixadez e a falta de transparencia da Confederación Hodrográfica Miño-Sil que se estea a realizar un proxecto de tal envergadura e que a documentación relevante do proxecto haxa que consultala a máis de 500 Km de onde se realizan as obras.
Por isto, os colectivos da Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra pediremos ao ministerio fiscal que abra unha investigación por omisión de información pública. Solicitaremos tamén á Xunta que teña en conta as necesidades dos concellos das comarcas veciñas comprometendo financiamento para a rehabilitación do patrimonio histórico e etnográfico, facer rutas de camiños naturais, potenciar o sector turístico e sobre todo organizar e desenvolver unha economía rural baseada na sustentabilidade e o respecto aos valores naturais e patrimoniais da cada unha das aldeas.
A Plataforma repartirá tamén miles de folletos informativos dando conta dos impactos destes proxectos, reivindicando a súa retirada e denunciando o "pasotismo" da Xunta e do goberno central no coidado e posta en valor do patrimonio medioambiental e cultural da Ribeira Sacra.