Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Evolución

Charles Darwin: 200 anos do seu nacemento

A vida do científico inglés parecía destinada a descorrer de xeito diferente a como ao final sucedeu. As súas investigacións foron obxecto de moca entre algúns dos sus colegas.

Redacción - 12:00 12/02/2009
O seu traballo foi obxecto de moca

O seu traballo foi obxecto de moca

1809: Nace Charles Robert Darwin nunha familia rural acomodada da cidade de Shrewsbury, noroeste de Inglaterra.

1825-27: Desesperado polos malos resultados do seu fillo no colexio, o pai de Darwin mándao á Universidade de Edimburgo para estudar Medicina. Darwin abandona logo de dous anos, espantado ao ter que disecar un cadáver humano.

1827-31: Estuda teoloxía no Christ's College, Cambridge, para ser pastor. Aproba pola mínima.

1831-36: Darwin embárcase como naturalista a bordo do buque de investigación Beagle co que dá a volta ao mundo en 52 meses. Toma numerosos apuntes de zooloxía e xeoloxía, escribe un diario de 770 páxinas e regresa a Europa cuns 5.400 espécimes, así como tartarugas vivas das Illas Galápagos.

1838: Elabora a noción de selección natural, segundo a cal os individuos que herdan as características máis axeitadas ao contorno son as máis aptas para sobrevivir.

1839: Contrae matrimonio coa súa curmá Emma Wedgwood. Dará a luz 10 nenos, aínda que só sete chegarán a adultos.

1840: Publica Zoology of the Voyage of the Beagle.

1842: Desenvolve a teoría da evolución, que plasma nun ensaio segredo que entrega á súa muller. O documento non se publica mentres Darwin segue a traballar na elaboración das súas ideas.

1858: Darwin recibe unha carta dun mozo naturalista, Alfred Russel Wallace, que traballando na Indonesia chega por separado a unha teoría similar á súa sobre a evolución por selección natural. A Sociedade Linnaen de Londres publica ambos os dous traballos ao mesmo tempo.

1859: Publica On the origin of species, que expón a teoría da evolución por selección natural. O libro provoca unha enorme controversia.

1860: Famoso debate na Universidade de Oxford entre os partidarios e os detractores da teoría de Darwin. Ambas as dúas partes considéranse vencedoras.

1871: Publica Descent of man,n onde aplica a teoría da evolución ao ser humano. Darwin argumenta que os homes e os simios comparten un antepasado común, un argumento recibido con desdén e sátira.

1872-81: Publica traballos adicionais sobre a expresión das emocións no home e nos animais, a reprodución das plantas e a acción dos vermes, baseados na investigación levada a cabo no xardín de Down House, en Kent, sueste de Inglaterra.

1882: Darwin morre a consecuencia dos ataques prolongados dunha enfermidade misteriosa. Entérrano na Abadía de Westminster, en Londres, xunto a Isaac Newton, Michael Faraday e outros grandes científicos.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: