Non teño flow, o que teño é xeito di en
Ai Non, un dos 16 cortes de 'Jugando', produto da factoría de
Licor Kafé producciones de El Puto Coke.
Aíd é de Vigo, ten 18 anos e nas súas cancións explica a vida dos barrios da cidade, a esencia da capital do sur, como poucos o fixeron dende Os Resentidos e Siniestro Total.
O nome de Aíd comeza a sonar con moita forza desde que gañara a IV edición do Heineken Greenspace por diante de máis dun milleiro de aspirantes. Dende o verán de 2007 exerce de locutora e guionista no programa 'Moito de aquí' en Radio Piratona (106.0 FM), dedicado á divulgación dos grupos locais e fiel á cultura galega. Ese mesmo ano toma forma Licor Kafé, un proxecto musical que embarca a 040 (Solemne & Zentinela), Woyza, Aíd e El Puto Coke na produción.
A man de El Puto Coke nótase no disco, cunha produción que o achega ao funk e á música negra. Iso fai que brillen aínda máis as inspiradas letras e os ritmos de Aíd, cunha afección pola poesía que a levou con tan só trece anos a gravar os seus primeiros temas. A presentación ao vivo de 'Jugando' será o venres 13 de febreiro, na sala La Iguana, ás doce da noite, xunto aos bboys
Inthecisos crew e unha boa nómina de artistas convidados.