Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Preparado para cambiar de aires

“BARDA”, supera a primeira fase da recuperación

Os lobos marinos cincentos (Halichoerus grypus) nacen entre setembro e outubro nas costas de Irlanda e chegan ata as costas galegas a partir de principios de ano. BARDA tivo a sorte de ser rescatado uns días antes da chegada deste tremendo temporal que estamos vivindo.

CEMMA - 17:56 10/02/2009
Tags:

Desde o ano 1999 a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA) é a entidade responsable diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do rexistro, asistencia, recuperación e liberación das tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Este traballo atópase enmarcado na colaboración que ambas entidades levan adiante para o establecemento da Rede de Varamentos de Galicia coordinada pola CEMMA.


Entre o ano 1999 e 2009 a CEMMA leva rexistrando un total de 72 lobos mariños, pertencentes a dúas especies, lobo mariño cincento e lobo mariño de capelo (Cysophora cristata). Case a metade dos exemplares foron localizados con vida, o 45%, e sobre os cales son susceptibles de levar a cabo labores de rehabilitación. Despois da recuperación, a CEMMA conseguiu devolver ao seu medio un total de 17 exemplares. O 60% dos lobos mariños cincentos foron rescatados con vida e devoltos con éxito ao mar.


A súa chegada a Galicia
O frío sábado día 17 de xaneiro as cinco da tarde recibimos o aviso da presenza dun lobo mariño que debilmente, e con esforzo, saída da auga entre a ondaxe, na  praia da Barda, en Corme, Ponteceso. Unha veciña co teléfono na man, mentres daba a alerta, preguntábase quen ía a axudar ao animal un sábado pola tarde alá na fin do mundo. Mais, alá foi a Unidade Móbil da CEMMA con base en Ferrol, contando co apoio de Protección Civil, Guardia Civil e Guardería de Medio Ambiente. Todos os esforzos eran poucos para tratar de rescatar ao lobo mariño dunha morte segura.


Afortunadamente o cansanzo e o esgotamento do exemplar non lle permitían volver ao mar esa tarde, se chegara a aguantar uns días máis no mar, o seu corpo seguiría o mesmo camiño que o do exemplar localizado o sábado 24 pola CEMMA na praia de Melide, en Cangas, un corpo inerte destrozado pola forza do mar.


Neste momento atopámonos en plena tempada de lobos mariños. Estes exemplares nacen nas augas irlandesas entre setembro e outubro, dispersándose despois do destete, motivo polo cal chegan as costas galegas de xaneiro a marzo. A rede de varamentos portuguesa xa nos advertira da presenza dun lobo mariño hai unhas semanas e posteriormente a CEMMA recolleu un lobo mariño na costa da Coruña hai unha semana, que se atopa nestes momentos ren recuperación. A rede de varamento asturiana informou que recolleu tamén un lobo mariño e que localizou outro máis preto da desembocadura do Eo, polo que se mantén a alerta na zona. O doutor Josep Mª Alonso Farré, responsable veterinario da Rede de Varamentos de Galicia, visitou recentemente ao Centro de Recuperación do Norte de Porrtugal, en Quiaios, Aveiro, para asesorar e apoiar as labores de recuperación do exemplar que alí se atopa.


A Unidade de Coidados Intensivos de Ferrol
A CEMMA conta coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural que pon a súa disposición a Unidade de Recepción de Fauna e Coidados Intensivos de Ferrol onde unha vez transladado o lobo mariño, superará as primeiras fases da recuperación.


Os primeiros momentos, logo da recollida, foron angustiosos dado que o estado do animal non permitía demasiadas esperanzas, a ausencia de forzas, a deshidratación e o esgotamento minaba os ánimos do equipo de asistencia que agardaba un triste desenlace. A asistencia do equipo veterinario dende o primeiro momento marcaba as pautas do rescate e a rehabilitación.


Unha vez instalado na Unidade de Coidados Intensivos BARDA superaba a primeira noite con éxito, na mañá seguinte a toma de datos, o diagnóstico e a primeira aplicación do tratamento melloraba o seu aspecto e situación.


Día tras días BARDA foi gañando forza e aprendendo a comer, cousa que conseguiu el absolutamente só hoxe mesmo. Neste tempo tratóuselle a lixeira afección pulmonar e alimentouse debidamente. A primeira fase da rehabilitación está en marcha e nun par de semanas chegará ao seu fin.


A segunda parte da rehabilitación será levada a cabo grazas a cesión dunha piscina no acuario do Grove, de 15x5 metros e perfectamente illada para non mermar a capacidade de rehabilitación, onde poida exercitar a musculatura e gañar peso, como se leva facendo dende hai dez anos, nese tempo pasaron polas instalacións do acuario un total de 25 tartarugas mariñas, 18 lobos mariños e tres cetáceos, a maioría das tartarugas e lobos mariños sobreviviron e foron liberados no mar.


Necesidades de instalación de recuperación
O pasado venres día 23 o Conselleiro de Medio Ambiente presentou publicamente as instalacións do novo Centro de Recuperación para a Fauna Mariña que será instalado en terreos da Comunidade de Montes de Baredo, en Baiona.

As instalacións do centro permitirán levar a cabo as labores de recuperación integramente no mesmo centro sen que o animal teña que ser desprazado nas diferentes fases, e contará ademais con dispoñibilidade para ao menos catro exemplares de lobo mariño en recuperación simultaneamente. A CEMMA colaborou na supervisión e asesoramento para o deseño do centro e considera que dará un forte impulso á conservación da fauna mariña. O financiamento para a construcción ascende a un millón e medio de euros e está prevista a primeira fase constructiva durante este ano 2009.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: