Plastic Logic anuncia acordos con diversas editoriais e distribuidoras, mentres Amazon presenta o Kindle 2 nos Estados Unidos.
Prototipo de Plastic Logic
O desenvolvemento de libros electrónicos segue a avanzar. Xusto cando Amazon anunciou o lanzamento da segunda versión do seu Kindle, só dispoñíbel nos EUA, Plastic Logic dá conta da sinatura de varios acordos que permitirán levar as principais publicacións ao seu anunciado dispositivo.
A empresa pretende fabricar un trebello cunha pantalla de 27,2 centímetros de diagonal, meirande cá do Amazon Kindle ou do Sony Reader, aínda que usará a mesma tecnoloxía de tinta electrónica. O aparello sairá ao mercado, previsibelmente, a comezos de 2010. Plastic Logic anunciou que este martes presentaría un prototipo en Nova York.
Os promotores do novo trebello cren que o tamaño da súa pantalla achegarao máis á experiencia da lectura en papel e espertará o interese das editoriais por editar versións electrónicas das súas publicacións. As persoas usuarias poderán recibir versións actualizadas do seu xornal mediante internet. Porén, Plastic Logic non deu detalles sobre o prezo do seu dispositivo nin das subscricións.
Os acordos asinados inclúen publicacións como The Financial Times, diversos xornais estadounidenses a as editoriais Hearst, IDG, Hachette Filipacchi, Playboy e Ziff Davis. Ademais, prevé crear a súa propia libraría electrónica. En calquera caso, Plastic Logic pretende dirixirse a un sector de público relacionado co mundo dos negocios.
Kindle 2
Amazon.com presentou o luns a nova versión do seu lector de libros electrónicos, o Kindle 2, máis rápido, máis fino e con máis memoria ca o seu predecesor, lanzado hai dous anos. O seu prezo será o mesmo ca o da versión 1.0, 359 dólares (279 euros), e comezarase a distribuír o 24 de febreiro. Non estará dispoñíbel en Europa.