Internautas de todo o país subiron á internet vídeos que amosan os estragos de Quinten, Klaus e demais borrascas destes días.
Internet ofrece a posibilidade de ver os efectos do temporal sen ter que saír á rúa, e máis tendo en conta o pouco que se recomenda coller o automóbil nestas xornadas invernais. Diversos internautas gravaron e subiron ao YouTube vídeos que amosan os efectos do vento e da chuvia en distintos puntos do país.
Hai xa vídeos do luns 9 de febreiro. Así, os efectos do vento -e o seu fungar- de Quinten son protagonistas dunha sorte de adaptación galega de American Beauty. Outro tanto pódese ver e escoitar noutra peza gravada en Burela.
De xornadas anteriores son outros vídeos, como este gravado na costa de Porto do Son que amosa o terríbel estado do mar, ou estoutro en que se ve, de xeito acelerado, o movemento das nubes durante o 1 de febreiro en Vigo.
Do 30 de xaneiro son dúas pezas que mostran os estragos que causou o temporal no monte Pedroso, preto de Compostela, e en Lalín, este último elaborado pola televisión local Dez TV.
Para rematar, vense os arrepiantes efectos do vento nunha estrada do concello de Valdoviño, con árbores a punto de caer sobre a vía, nun vídeo do 25 de xaneiro.
'American Beauty'
Consecuencias do temporal en Valdoviño
Efectos da borrasca no monte Pedroso
O mal tempo en Burela
Temporal en Lalín
Temporal no mar
Vigo. Pasou o temporal