Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'Modelo Burela'

"En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados, os de aquí e a xente de fóra"

A situación da vila mariñá é privilexiada: teñen un plan lingüístico pioneiro no país, e o 80% dos seus habitantes falan, de xeito espontáneo, galego. Tamén os emigrantes, que proceden de catro continentes distintos.

A. Rodríguez - 09:00 28/02/2009

O día 24 de abril de 2008 o pleno do goberno municipal de Burela (A Mariña) aprobaba, por unanimidade, un modelo de planificación lingüística pioneiro en Galiza, que recolle accións de dinamización non só en galego ou en castelán, senón tamén noutras linguas coma o inglés ou o francés. O plan, que foi chamado Modelo Burela, pretende implicar a todos os chamados axentes sociais do concello -incluída a garda civil-, empresas e outras organizacións para marcar un punto de inflexión nas políticas lingüísticas do noso país.

Mais a aprobación deste plan, que chamou a atención en toda a Mariña, polo seu contido e polo consenso co que foi desenvolvido -hai que ter en conta que en Burela hai 6 concelleiros do PPdeG, 5 do PSdeG e 2 do BNG, e estes dous últimos partidos gobernan en coalición-, explícaselle axiña a quen coñece a realidade sociolingüística de Burela e o xeito que teñen de visibilizala os seus habitantes. En Burela fálase galego dende sempre, no día a día, sen complexos e sen enredarse en leas políticas; feito que chama poderosamente a atención, mais nestes días nos que os detractores do galego saen á rúa manifestarse agochando, nos seus lemas ambiguos, os calafríos que lles produce a algúns deles oír falar a nosa lingua.

Nesta vila mariñeira, no corazón da costa luguesa, viven perto de 14 mil persoas, de nacionalidades e procedencias moi distintas -hai habitantes de catro continentes: Europa, Asia, América e África-, o que lle dá un carácter multilingüe. Mais é de salientar que unha inmensa maioría dos burelaos e burelás, independentemente da súa nacionalidade, fala, de xeito espontáneo, galego. Na rúa, nos pubs de noite, no patio do colexio ou no instituto, nas cafeterías, no Hospital da Costa, a lingua imperante é a nosa.

Así o quixeron amosar o profesor Bernardo Penabade -membro do equipo redactor do Modelo Burela- e o realizador burelao Matías Nicieza, que elaboraron un documental, de 66 minutos de duración, que lle pon imaxes ás voces da realidade burelá.

O nacemento do Modelo Burela
A pesar de ser o galego a lingua maioritaria entre a poboación burelá, o equipo redactor do plan de planificaciónn lingüística do concello constatou a grande ausencia do galego na escrita. Por isto, un dos primeiros pasos que deron foi o de dispoñibilizar modelos en galego dos documentos que empregan habitualmente no seu traballo, por exemplo, as imprentas, a Igrexa, as funerarias, as comunicades de veciños, os estabelecementos comercias, as entidades culturais, deportivas, do ensino e as organizacións da mocidade.

Mais o Modelo Burela non se creou só nos despachos da Casa do Concello, en Burela. A idea naceu nas aulas, do traballo os alumnos e alumnas do IES O Perdouro. Os mestres deste centro decidiron realizar unha "intervención educativa" para que a comunidade estudantil e, por extensión, o resto da poboación da vila, soubese da permeabilidade da lingua galega nas súas vidas, dende sempre. Os alumnos e alumnas recolleron documentos nas súas casas e na rúa: convites de celebracións, documentos notariais, publicidades comerciais, actas de reunións das comunidades veciñais, correspondencia privada, lembranzas de comuñóns, e mesmo notas necrolóxicas, que entregaron nas aulas, para elaborar un extenso traballo que simplificaba unha realidade que, durante décadas e sen vergoña, foi o día a día na vila mariñeira.

"En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados"
"Propúxomo Bernardo Penabade, quen elaborou o guión e axudou na produción, alén de ser un dos integrantes da comisión específica que redactou o Modelo Burela", relatoulle a Vieiros o director deste documental, Matías Nicieza. "O que queriamos era amosar a situación de Burela; pero este traballo, que comezou sendo unha curta, medrou e medrou, coma unha bola de neve caendo pola montaña, e ao final recollemos 52 testemuños, co que saíu unha longa documental, feita cos poucos medios de tiñamos, con material de instituto".

Para o propio director deste filme, do que poden ver un retallos a carón desta información, a situación lingüística de Burela é "privilexiada", sobre todo "a nivel oral, xa que o 80% dos habitantes falan galego de forma espontánea, o que non acontece noutros concellos da Mariña". "En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados, os que somos de aquí e a xente de fóra".

Para Nicieza, quen naceu na vila mariñá en 1978, esta situación deuse porque a vila medrou "moi rapidamente". "Hai 40 anos era unha aldea de catro casas, e converteuse nunha vila na que nunca houbo a típica burguesía, polo que a raíz do pobo segue sendo forte, e segue percibíndose. A xente que veu de fóra, tamén chegou doutras vilas da Mariña e doutros lugares de Galiza, polo que non tivemos perda da fala espontánea; e dos emigrantes que chegaron a Burela, unha grande parte son lusófonos -a importante comunidade caboverdiana-, polo que a nosa lingua mantivo a súa forza".

O documental xa se proxectou en Burela para que os seus protagonistas puidesen poñer en común as súas ideas, o que lle falta ou o que lle sobra, e amosar novos documentos, que, segundo Nicieza, foron aparecendo estes días, á raíz da estrea do filme. Na actualidade, Nicieza e Penabade pretenden "mover o filme por todos os centros educativos do país, para que todos os cativos e cativas e mozos e mozas poidan ver o que acontece en Burela".


Ligazóns

4,85/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un retallo do documental, no que se amosa a capacidade de adaptación á realidade sociolingüística da vila da xente que vén de fóra

Outro cachiño do filme, no que se recollen algúns dos 52 testemuños, dos protagonistas desta historia

Outro bocadiño roubado do documental, no que se conta como se elaborou o Plan Lingüístico burelao