O partido xenófobo de Avigdor Liberman, o Yisrael Beiteinu, converteríase en terceira forza por riba dos laboristas de Ehud Barak.
Livni e Netanyahu
O Kadima de Tzipi Livni e o Likud de Benjamin Netanyahu (ambos os dous, con ideoloxía que vai dende o centro dereita á extrema dereita) están case empatados, segundo as sondaxes difundidas este venres, as derradeiras antes das eleccións lexislativas en Israel do vindeiro martes.
As enquisas dos diarios Haaretz e Yediot Aharonot atribúenlle 27 deputados ao Likud e 25 ao Kadima, mentres que o Jerusalem Post rebaixa as expectativas a 26 e 23, respectivamente. No que si coinciden as sondaxes dos tres xornais sondaxes e no imparábel ascenso do Yisrael Beiteinu.
Este partido, liderado polo ex ministro Avigdor Lieberman e abertamente xenófobo, obtería entre 18 e 19 deputados se os comicios tivesen lugar este venres. Yisrael Beiteinu, que abandonou o Executivo logo do inicio do diálogo de paz coa Autoridade Nacional Palestina, ten na actualidade 11 deputados.
A súa previsíbel suba tamén deixaría, por vez primeira vez na súa historia, en cuarto lugar ao Partido Laborista, con entre 14 e 16 deputados. Liderados na actualidade polo ministro de Defensa, Ehud Barak, a formación (coñecida popularmente como Avoda) mantívonse no poder durante as tres primeiras décadas de existencia do Estado de Israel.
Preocupación no Likud
O avance de Yisrael Beiteinu preocupa moito nas filas do Likud. Netanyahu recoñeceu que Lieberman podería estar a lle roubar apoios, polo que pediu un apoio firme ao seu programa e a vitoria da dereita. "Calquera voto que non vaia para o Likud, fortalece o Kadima", afirmou esta quinta feira en Radio Israel, informan medios locais.
Ademais, as enquisas reflicten que o partido de esquerda pacifista Meretz lograría sete deputados, un máis que a formación dos ultraortodoxos Yahadut HaTorah HaMeukhedet (Xudaísmo Unido da Torah), e dous máis dos que tiñan.