En entrevista para Vieiros, Gallego asegura que os peores momentos do seu mandato foron os naufraxios.
Acostumamos pedirlles aos políticos que nos visitan que nos conten brevemente como foi que decidiron dar o salto á política, como foi o seu caso?
Empecei moi nova. Militei no partido dende o ano 1988 pero xa viña traballando no meu concello difundindo o traballo que facíamos os socialistas e sempre tiven un pouco a vocación de facer un servizo público, de intentar poñer as miñas capacidades e o meu traballo ao servizo das persoas. Tamén no sector pesqueiro comecei moi nova, en 1984, e sempre en organizacións de carácter moi social para tratar de mellorar as vidas das mulleres e dos homes do mar.
Un dos grandes eixos do seu mandato foi a Lei de Pesca. Durante a súa tramitación, vostede recibiu moitas críticas, ben dende a oposición, ben dende o propio sector. Que mudará con esta nova lexislación?
Para facer esta Lei de Pesca fixemos un traballo de consulta moi amplo. Intentamos dunha banda facer un texto sinxelo, fácil de entender para aqueles que van ser suxeito da súa aplicación e, doutra banda, que fora o máis ampla posíbel para que despois os futuros cambios non haxa que levalos sempre a unha modificación legal senón que poidamos facelos a través dun desenvolvemento regulamentario. Estivemos dous anos traballando co sector, ao que lle pedimos que nos dixera que cousas quería cambiar da lexislación anterior, que se repartía en cinco leis diferentes. A resposta foi unánime, dicíannos que querían cambialo todo. Unha vez que está aprobada, queda un traballo novamente de diálogo para facer o seu desenvolvemento regulamentario. A través de todo ese proceso, chegamos a un texto final que está ao 99% consensuado co sector da pesca en Galiza.
Sobre o que vai mudar, quédanos unha lei para moitos anos na que están as bases para o que será o futuro da pesca en Galiza. Introducimos elementos novidosos, como por exemplo fomentar a igualdade entre as mulleres e os homes, apostar por políticas de desenvolvemento sostíbel ou buscar incentivos dende a administración para modernizar o sector (como por exemplo a través da promoción de convenios colectivos, de que as instalacións a bordo dos buques melloren) ou buscar formas de diversificación económica (como é o caso da promoción do turismo mariñeiro).
Cunha flota pouco profesionalizada, embarcacións antigas, cuns recursos sobreexplotados... Que futuro lle cabe esperar á pesca de baixura do noso país?
Creo que a pesca artesanal é a que ten máis futuro fundamentalmente por dúas cuestións: porque é unha actividade que se fai preto da costa, onde a xente volve todos os días á súa casa e, polo tanto, é a que se fai con máis calidade de vida; e porque as capturas son as máis recoñecidas polo consumidor, pola súa calidade. A isto hai que unir as políticas de preservación dos recursos, como as áreas mariñas protexidas, e temos un sector con moito futuro.
Queremos fomentar o relevo xeracional porque moitos dos armadores xa teñen unha idade avanzada, e queremos facelo con incentivos públicos. Unha das cuestións que temos prevista para os vindeiros anos é axudar a que os mozos menores de 40 anos que queiran mercar un barco de pesca artesanal de segunda man poidan facelo, para o que lles vamos dar unha axuda de 50 mil euros para que poidan acceder á propiedade dese buque.
No caso da pesca de altura, por onde pasa o futuro?
Galiza é a comunidade autónoma de toda Europa con maior peso na pesca de altura e tamén a rexión cunha maior internacionalización do sector, xa que temos buques en todos os mares do mundo. Para garantir que esa actividade permaneza temos que seguir traballando e contribuír á conservación dos mares cunha loita contra a pesca ilegal. Tamén debemos traballar na preservación dos recursos; temos que consolidar a posición de Galiza nos seus dereitos de pesca (a Xunta a través do IGAPE xa está a fomentar instrumentos neste sentido); e temos que seguir traballando na modernización da comercialización.
E cal será a resposta da Xunta ante a proposta de desmantelamento de buques da Unión Europea ?
Nós dende o primeiro día entendemos que esa proposta da Comisión Europea é de adopción voluntaria e que a decisión última sobre o que queremos facer co futuro da pesca galega está en Galiza, porque somos quen xestionamos os fondos europeos. Está nas nosas mans decidir se queremos adicar máis fondos ao desmantelamento ou á modernización da flota, ou a incrementar a súa seguridade, ou a fomentar novas formas de comercializar os seus produtos que permitan xerar máis valor pescando menos e, polo tanto, fomentando unha pesca máis sostíbel. E nós apostamos por este último modelo. Somos conscientes de que hai que desmantelar flota todos os anos, porque hai buques que se quedan obsoletos, que son antigos e inseguros, e que hai de desfacerse deles para favorecer a modernización e unha maior seguridade. Pero consideramos tamén que a flota nova non ten porque seguir este camiño, que hai outras fórmulas que nos permiten seguir tendo unha actividade punteira en Galiza.
Falando da pesca de altura, recentemente a CIG-Mar denunciou a explotación laboral que sofren moitos traballadores estranxeiros, como é o caso dos indonesios. É consciente a Consellaría de Pesca desta situación? E que medidas vai tomar?
Hai unhas normas e unha regulación laboral para a entrada de inmigrantes no noso país e todos temos que respectalas: quen non as respecte terá unha inspección de traballo e será sancionado. Nese sentido, nós imos ser belixerantes no cumprimento da lei e cónstame que a Consellaría de Traballo está a facer un seguimento de todas esas denuncias que se presentaron e ten feito inspeccións para determinar se había incumprimento das normas.
Como é lóxico, os inmigrantes teñen que ter os mesmos dereitos que os mariñeiros galegos. Eu sei que hai armadores que o fan ben, que son responsábeis socialmente e que as tripulacións que teñen a bordo teñen ingresos dignos. Tamén pode haber alguén que non o estea facendo ben, pero pode ter a seguridade de que o goberno vai actuar con firmeza se detectamos algún deses casos.
Outra das novidades do seu mandato foi a incorporación do seguro por mal tempo. Cal é o balance que fai deste seguro na actualidade?
De momento non hai suficiente concienciación, iso é evidente. Eu creo que as condicións meteorolóxicas deste inverno van axudar a concienciar bastante, xa que todos os mariñeiros puideron ver que se cumprían as condicións para o seguro e que aqueles que o subscribiron van percibir uns ingresos que lles van permitir paliar as perdas que ocasionaron os temporais.
Levamos dous anos e é un instrumento totalmente novidoso, xa que non existe en toda a Unión Europea outro similar, e vai a levar tempo implantalo porque aínda fai falta unha conciencia no sector. Nós fixémolo con dúas finalidades: dunha banda para que a xente non perdera unha excesiva rendibilidade aqueles días que non podía saír a faenar e doutra banda para que non saian ao mar á desesperada con mal tempo ante o temor de quedar sen ingresos. Incide así tamén na política de prevención de riscos laborais.
Precisamente a sinistralidade laboral é outro dos grandes problemas do mar xa que este ano vivimos 13 naufraxios con resultado de morte. Que outras medidas contempla a consellaría para evitar estes accidentes?
Estamos traballando a través da formación e da prevención. De feito, nesta lexislatura foi a primeira vez que se fixo especificamente un plan de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, conxuntamente entre as Consellarías de Pesca e de Traballo. Fixemos preto de mil inspeccións a buques, nas que detectamos unha serie de anomalías que foron notificadas a cada un dos armadores para que as corrixiran e para evitar na medida do posíbel os accidentes. Pero é algo no que hai que seguir traballando: é un problema de formación, de capacitación e de mentalización do sector.
Tamén hai queixas na baixura por ter que facer fronte a moitos gastos nesta materia...
No que ten que ver co custe de incorporar elementos de seguridade hai dúas liñas de axuda. A primeira, convocada polo Ministerio de Fomento, sae todos os anos para mercar chalecos, balsas e todo tipo de material. E outra, no Fondo Europeo da Pesca, onde tamén hai unha parte específica destinada á adquisición de elementos de seguridade. É dicir, son financiados polas administracións públicas, é máis, ás veces o financiamento chega até o 100%, polo tanto non é un problema de custe.
Baixo o seu mandato abriuse a posibilidade de facer poxas á alza e non á baixa como é tradicional. Que outras medidas serían necesarias no eido da comercialización?
O cambio que fixemos nada máis chegar ao goberno foi a modificación da normativa que obrigaba á poxa á baixa, que seguía en vigor unicamente en Galiza. Agora hai un sistema liberalizado, explicámoslle aos armadores que só teñen que pasar os seus produtos obrigatoriamente pola lonxa (por unha cuestión de control), pero que a partir de aí poden vendelos como queiran: en poxa á alza, á baixa, chegando a acordos cos compradores... O resultado é moi positivo, un exemplo é o acordo comercial asinado hai uns días entre Porto de Celeiro e Isidro de la Cal que permitirá a xestión comercial das capturas suprimindo aos intermediarios. Outro exemplo foi a unión dun grupo de armadores do arrastre de litoral e do cerco de Ribeira que decidiron formar unha sociedade, crearon unha planta de transformación, e agora venden un produto diferenciado (sen espiñas, limpo e en bandexas que garanten unha conservación de cinco días).
Ademais, a consellaría puxo en marcha unha marca de calidade certificada, "Pesca de Rías", que abrangue 99 produtos da pesca artesanal e do marisqueo de toda Galiza que se está implantando progresivamente. No ano 2008 xa se comercializaron a través desta marca 400 mil quilos de distintos produtos, e iso está a repercutir tamén no prezo. Nós pensamos que ese é o camiño: comercializar, identificar e xerar valor.
Dada a pouca implantación de poxas á alza, pensaron nalgún momento en obrigar a asumir este sistema para valorizar máis o produto?
Non, eu creo que non é conveniente obrigar a un sistema determinado de venda. Hai que deixar a liberdade suficiente para que entre os produtores e os compradores busquen cales son as mellores canles de comercialización. Non ten nada que ver o mercado dunha especie como o percebe, por exemplo, co mercado doutra como o lirio: son completamente distintas e a homoxeneización da norma impediría que houbese iniciativas como as anteriores que tiveran éxito.
Falando agora de marisqueo, recentemente a Consellaría de Pesca xunto coa de Medio Ambiente traballaron na mellora dos sistemas de depuración das rías galegas. Que outros eixos de actuación caben neste sector?
Basicamente hai que seguir coas políticas sociais que xa iniciamos nesta lexislatura. Puxemos en marcha un plan de pensións para as mariscadoras, para garantir que as mulleres cando cheguen aos 65 anos poidan ter acceso a unha pensión contributiva. Iso danos unha tranquilidade a nós e, sobre todo, a elas, porque algunhas levaban traballando moitos anos nas praias sen ningún tipo de cobertura social, cousa que hoxe si teñen.
Tamén estamos traballando no saneamento das rías galegas: necesitamos ter unha calidade de auga para a produción de bivalvos superior á exixida para o baño, por exemplo. Nesta lexislatura fixemos un esforzo e triplicamos os puntos de mostraxe para estudar a calidade das augas: houbo territorios que os declaramos como Zonas C, onde non se pode extraer o marisco para o consumo directo senón que ten que pasar por un proceso de transformación, o que nos obrigou a impedir o exercicio do marisqueo. A partir de aí, acometemos nesas zonas unha serie de traballos de emerxencia e xa estamos a ver os primeiros resultados: agora destes oito espazos de produción vedados ao marisqueo, xa puidemos declarar cinco Zonas B (pódese extraer o produto e vendelo logo dunha depuración), e tres Zonas A (pódese extraer e destinalo ao consumo directo).
Este é un avance, pero temos que seguir: temos rías como a de Ferrol ou da Coruña, onde os índices de contaminación son elevados. Estamos notando tamén unha melloría, en función das obras de saneamento que se van facendo, pero o noso obxectivo é que no 2011 teñamos as rías galegas totalmente saneadas e acadar uns estándares de calidade que nos permitan situarnos nos niveis de cualificación máis altos. Así, ademais, incrementarase o emprego: dende a Consellaría calculamos que poderán crearse en torno a 1.500 postos de traballo no marisqueo a pé en Galiza durante os próximos catro anos.
Outra cuestión moi polémica que tamén atinxe á Consellaría de Pesca é o futuro da acuicultura no noso país. A creación de 13 novas plantas acuícolas na nosa costa (e a consolidación ou ampliación doutras 14), que efectos pode ter sobre o sector?
A acuicultura é un complemento da pesca, nunca un substitutivo: é imposíbel a nivel mundial elevar a produción acuícola até tal punto que substitúa á produción pesqueira. Europa é deficitaria en proteína mariña, temos que importar produto mariño porque non producimos o suficiente como para abastecer o noso propio consumo interno. Partindo desa idea e da realidade de que os mares actualmente están sobreexplotados e hai unha serie de especies pesqueiras que están en risco, a forma de complementar a actividade pesqueira extractiva non é outra que a de cultivar. Isto pasou hai moitos anos no agro, agora esta revolución tamén tiña que chegar ao mar.
Esa é a idea básica que preside o plan de acuicultura. Evidentemente, cando nós chegamos ao goberno xa había un plan aprobado, pero ao noso xuízo tiña dous problemas: un deles era que invadía un 28% da Rede Natura, o cal nos parecía absolutamente excesivo, sobre todo tendo en conta que Galiza é unha das rexións da UE con menos espazos declarados como zonas protexidas. O segundo deles era que ese plan, que se fixera ás presas cun goberno xa en funcións, non lle servía aos empresarios do sector para desenvolver a súa actividade. A maioría dos proxectos que estaban presentados na Consellaría de Pesca ao abeiro daquel plan incumprían os requirimentos legais. Polo tanto, era un plan inútil e moi agresivo coa natureza.
Tomamos a decisión de facer un novo proxecto. O primeiro compromiso que adquirimos era que non iamos a invadir máis espazos da Rede Natura, á parte das plantas que xa están construídas, porque a esas non podemos tocarlles. E o novo plan ten unha afección do 1,8%, que corresponde precisamente coas instalacións que xa existían. Ademais, serve aos empresarios do sector acuícola e permitirá un investimento público e privado de máis de 350 millóns de euros en 15 anos que ten de actuación. Tamén nos permitirá seguir sendo líderes a nivel mundial en especies como o rodaballo e diversificar no cultivo (por exemplo introduciremos a orella de mar, que ten moita demanda no continente asiático). E finalmente, favorecerá a creación de emprego en zonas costeiras que están deprimidas: onde máis se notará será na Costa da Morte e na Mariña lucense. Consideramos que imos poder crear 1.966 postos de traballo directos e outros tantos indirectos.
Se tivese que recordar o peor momento do seu mandato, sería o da aprobación deste plan acuícola?
Non, esta é unha cuestión de decisión política e sabes que vas ter críticas e tes que asumilas. Para min os peores momentos sempre son cando hai un problema no mar, cando hai un naufraxio, especialmente con resultados de morte, eses son os momentos máis duros. Nós quixemos en todo momento estar ao carón das familias, axudándolles en todo o posíbel. O que máis nos sorprendeu é que o Partido Popular adoptase unha postura absolutamente preeira cos accidentes marítimos en Galiza, cousa que anteriormente nós nunca fixemos.
En materia de innovación e desenvolvemento mariño, que lle falta a Galiza para estar á vangarda?
A verdade é que temos uns centros de investigación públicos, tanto do goberno galego como do español, que están a facer unha labor moi importante no campo da investigación pesqueira. Quizais a guinda a este esforzo que estamos facendo todos é a Cidade do Mar de Vigo, un complexo que se vai adicar á investigación mariña de todo tipo, e no que vamos a tentar reunir aos mellores investigadores para axudar ao sector da economía marítima para que avance e teña un mellor futuro. Dende Pesca, imos a implantar tres unidades de investigación: unha sobre a contaminación mariña, outra sobre a avaliación dos recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas e outra sobre a acuicultura propiamente. Así, eu creo que a Cidade do Mar de Vigo vai a ser o colofón perfecto para un esforzo en investimento e investigación que se fixo ao longo desta lexislatura: en pesca incrementamos o orzamento en máis dun 60% nestes catro anos.
No eido da muller, vostede tamén asumiu compromisos, que queda por facer neste ámbito?
Queda moito por facer. Introducimos na Lei de Pesca unha serie de ferramentas para o futuro, pero esas ferramentas teñen que facerse realidade. Temos que conseguir que a muller teña máis representatividade, máis visibilidade, que haxa máis mulleres dirixindo o sector, que teñan nas confrarías de pescadores esa paridade nos órganos de goberno que de momento non teñen. E logo, hai que consolidar unha serie de cambios sobre anteriores discriminacións que había no pasado e que xa solucionamos, como por exemplo a situación das mulleres dos bateeiros, que non podían acceder a un permiso de explotación para mariscar porque estaban casadas en réxime de gananciais.
En resume e logo desta conversa, cales considera son os grandes retos que aínda quedan para o futuro?
En política social temos que conseguir que haxa convenios colectivos no sector da pesca extractiva. Nesta lexislatura intentámolo, sentamos aos empresarios e os sindicatos pero non o conseguimos: o noso propósito é acadar unha regulación laboral acorde coa doutros sectores. Tamén temos que mellorar a seguridade da xente que traballa no mar, evitar esa sinistralidade e introducir esa nova cultura do seguro. En política de conservación de recursos, queremos ser quen de preservar as nosas especies para que Galiza poida seguir tendo a capacidade que ten hoxe en día. E temos que modernizar as nosas empresas: os empresarios teñen que comezar a pensar que xa non se pode pescar agora como hai 30 ou 40 anos senón que o escenario mudou e vai a seguir mudando. Xa non vale só ir a pescar ao mar, senón que hai que sumarse a outras iniciativas como aquelas nas que estamos traballando dende a Consellaría.