Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ten 635 millóns de anos

Atopan vestixios do animal máis antigo da Terra

Trátase dunhas esponxas que deixaron pegada en sedimentos encontrados en rochas en Omán, na Península Arábiga, segundo publicou esta cuarta feira a revista 'Nature'.

Redacción - 12:42 05/02/2009
Unha imaxe das rochas nas que se atoparon os restos das esponxas

Unha imaxe das rochas nas que se atoparon os restos das esponxas

A descuberta, que deu a coñecer a revista Nature, xusto unha semana antes de que comecen os actos do 200 aniversario do nacemento de Charles Darwin, realizouse en Omán, na Península da Arabia.

Alí, un grupo de científicos da Universidade de California, dirixidos polo británico Gordon D. Love, atoparon vestixios químicos deixados por esponxas hai 635 millóns de anos, en estratos sedimentados, é dicir, a proba de vida máis antiga da Terra até hoxe descuberta.

O material achado proba que estes organismos simples xa existían no noso planeta antes de que as criaturas máis complexas evolucionasen. "Atopamos unha proba daquilo que el -por Darwin- previu debería existir nesa zona", comentou Roger Summons, xeobiólogo do Instituto de Massachusetts que participou na investigación. "Hai importantes probas de que estas esponxas foron os primeiros organismos multicelulares da Terra", engadiu.

"Os fósiles moleculares son o mellor xeito de comprender a evolución"
A través dunha análise química dos sedimentos rochosos de hai 635 millóns de anos, os científicos descubriron vestixios de moléculas que producen unha clase de esponxas, o que suxire que estas criaturas existían xa antes da Idade de Xeo, que se data de hai 630 millóns de anos, e após a que se deu unha súbita diversificación da vida multicelular, hai 530 millóns de anos. Segundo sinalou Summons, estas formas simples de vida animal xurdiron 200 millóns antes de que aparecesen as plantas terrestres.

Aínda que os fósiles animais máis antigos atopados datan de hai 580 millóns de anos, os autores deste estudo defenden que o estudo de "fósiles moleculares" coma estes é o mellor xeito de comprender a evolución.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: