O número de desempregados xa ascende en Galiza até as 211.316 persoas, segundo os datos do Ministerio español de Traballo.
O volume total de desempregados continúa a aumentar mes a mes e xaneiro non foi unha excepción. A costa foi aínda máis dura para un total de 11.413 galegos que perderon o seu emprego neste primeiro mes do ano. Coas cifras na man, Galiza conta xa con 211.316 parados, o que supuxo unha suba do 6,01% con respecto ao anterior mes de decembro. Son os datos que ofreceu este martes o Ministerio de Traballo, quen deparou o maior ascenso do desemprego nun mes de toda a súa serie histórica. Se comparamos estes datos de inicio do 2009 cos do comezo de 2008 obtemos un incremento do paro do 31,48%, é dicir, hoxe están desempregados 40.154 galegos que tiñan traballo cando arrincaba o 2008.
Por provincias
Lugo foi a que máis sufriu un aumento do desemprego, cunha porcentaxe de 8,38% (1.497 persoas). Séguelle Ourense cun 7,02% (1.575 parados máis); Pontevedra cun 6,36% (+4.698 persoas); e A Coruña cun 4,81% (+3.643 persoas).
Por sexo e idade
As mulleres seguen a ser as máis afectadas pola perda do seu traballo. Así, os homes que quedaron sen emprego foron 89.558, mentres que a cifra de mulleres acadou as 111.758. Outro dato preocupante é a xuventude dos que se atopan en situación de desemprego: 21.105 son menores de 25 anos de idade.
Por sectores
O paro rexistrado incrementouse en todas as actividades. Con todo, a máis afectada foi a dos servizos (en 7.690 persoas, un 7,46%), seguida da construción (en 1.785 persoas, un 6,58%), a industria (en 1.060, un 3,5%), no colectivo sen emprego anterior (en 742, un 3,14%) e na agricultura (en 136 persoas, un 2,34%). Así, neste último mes de xaneiro contabilizamos 110.759 desempregados no sector servizos, 31.315 no da industria, 28.923 na construción, 24.377 no colectivo sen emprego anterior e 5.942 na agricultura.
No Estado Español
As persoas rexistradas nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (INEM) traspasou a cota dos 3,3 millóns de desempregados, unha suba do 6,35% (o que supoñen 198.838 parados máis con respecto a decembro). Este aumento supón a décima suba mensual consecutiva e é superior á rexistrada no mesmo mes do ano pasado.