A Mesa levará o alcalde ante o Valedor do Pobo pola súa "falta de compromiso" coa lingua do país.
A Mesa pola Normalización Lingüística ha reclamar a intervención do Valedor do Pobo para que a lingua galega deixe de estar completamente "inexistente" nas celebracións relixiosas da Semana Santa en Ferrol, ante a "falta de compromiso" do goberno local, presidido, en minoría, polo PSdeG de Vicente Irisarri.
O rexedor ferrolán comprometérase o ano pasado a que o galego había atopar o seu sitio na festividade máis importante de Ferrol, na que o Concello colabora cuns 70 mil euros ao ano. Porén, dende A Mesa aseguran que non existe ningún documento por escrito que confirme que o Concello só lle ha conceder a subvención municipal á festa relixiosa se se incorpora a nosa lingua aos seus actos litúrxicos e propagandísticos.
Tras participar nunha xuntanza con Irisarri, na tarde da segunda feira, dende A Mesa anunciaron que van recorrer ao Valedor, para que esta figura lle reclame ao Municipio que cumpra o acordo plenario de 1996, no que se estabelecía que a defensa do galego había ser un dos requisitos para asinar convenios de colaboración con diversas entidades. Hai tres anos que esta organización exixe que a Semana Santa ferrolá non exclúa a nosa lingua dos seus actos, e neste tempo, segundo contan, só toparon cunha "actitude belixerante" por parte das confrarías relixiosas que organizan esta celebración.