Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Encontro guiado pola Fundación Galiza Sempre

FSM: Papel histórico do dereito de autodeterminación dos pobos

Xosé Manuel Beiras fixo parte da xuntanza do Consello Internacional do Foro Social Mundial, que mantivo unha reunión con Lula.

Redacción - 19:30 02/02/2009

Rematou o Foro Social Mundial (FSM) desenvolvido en plena Amazonia brasileira, mais coa meirande representación galega en anos. Entre o 27 de xaneiro e o 1 de febreiro, a Fundación Galiza Sempre participou no Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos que acolleu máis de 18 actividades protagonizadas, entre outros, por representantes dos pobos mapuche, guaraní, aimara, quechua, kichwa e maia, en diálogo coas delegacións curda, amazigh, palestina ou tamil e das nacións sen estado integradas na CONSEU europea. Os movementos sindicais galegos tamén estiveron representados, a través da participación da Confederación Intersindical Galega (CIG) e do Sindicato Labrego Galego (SLG).

Nos debates interviñeron, entre outros, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, e o seu director-xerente, Xabier Macías, xa que a entidade colaborou na realización deste encontro, patrocinado polo CIEMEN (Centro Internacional "Escarré" para as Minorías Étnicas e as Nacións) catalán.

Na primeira mesa redonda da xornada do día 29, baixo o título Os dereitos dos pobos e a autodeterminación na era da globalización interveu Xosé Manuel Beiras, xunto con representantes de Cataluña, do Curdistán, do país tamil e da comunidade mapuche. No segundo debate participou Ana Miranda, responsábel da Comisión de Migracións do BNG e vicepresidenta da Alianza Libre Europea, na que están integrados os nacionalistas galegos. No relatorio, baixo o título Os pobos sen Estado como factor de emancipación e cambio social tamén interviñeron representantes cataláns, de Bolivia, do Curdistán e da Cabilia alxeriana. O día a seguir, Xabier Macías e Camilo Nogueira tamén interviñeron nos debates sobre Integracións rexionais sobre a base dos dereitos colectivos dos pobos, mentres que Xosé Manuel Beiras participou na mesa sobre a Crise do Estado nación: autonomías, autogoberno e Estado plurinacional comunitario.

O rol das nación sen estado na articulación dunha orde xurídico-política alternativa á globalización
Segundo Macías, o FSM foi unha "excelente oportunidade para a confluencia de forza e ideas entre pobos que reclaman soberanía e transformacións sociais en todos os continentes, contribuíndo a enriquecer o discurso do movemento antiglobalización, en pleno debate sobre a súa estratexia futura".

Neste sentido, é de salientar a xuntanza entre os membros Consello Internacional do FSM e o presidente do Brasil, Lula da Silva, o presidente do Brasil,  noque tamen participou -como membro do Consello-, Xosé Manuel Beiras. Na xuntanza falouse de diversas crises -financeira, alimentar, ecolóxica...- e apuntáronse perspectivas multipolares da orde internacional, na que están a emerxer novos países emerxentes, ante o declive da hexemonía dos EUA. Tratábase dunha cita determinante cando "o fracaso do fundamentalismo neoliberal apura, en certo modo, a emerxencia e fortalecemento de alternativas".


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: