"Seguirei insistindo para que os nosos países soberanos traballen co fin de conseguirmos os Estados Unidos de África", afirmou no seu primeiro discurso.
Muamar Al Gaddafi
Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Africana, reunidos dende o domingo nunha cimeira en Adis Abeba (capital da UA ademais da de Etiopía), elixiron este luns o máximo dirixente de Libia, Muamar Al Gaddafi, como presidente da organización, en substitución do líder de Tanzania, Jakaya Kikwete.
A portavoz da UA Habiba Mejri-Sheikh informou pouco despois, de que a elección produciuse "nunha sesión a porta pechada, por un período dun ano", entre os delegados dos 53 países membros. "Agardo que o meu mandato será un tempo de traballo serio e non só palabras", declarou durante o seu primeiro discurso, informan axencias internacionais.
"Seguirei insistindo para que os nosos países soberanos traballen co fin de conseguirmos os Estados Unidos de África", anunciou Gaddafi, aínda que admitiu que os líderes africanos estaban "lonxe dun acordo" neste asunto. De feito, esta é unha idea pola que o militar leva a pelexar moitos anos, malia a resistencia oposta por varios dos seu homólogos no continente.