Unión Fenosa restabeleceu a subministración aos 800 usuarios que aínda permanecían sen ela en Ferrolterra e Ortegal. Begasa fala de "casos puntuais".
Na tarde do domingo, aínda había 800 familias dependentes dos grupos electróxenos que Unión Fenosa mantiña operativos nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal.
Porén, a última hora Luis Díaz, delegado da compañía eléctrica en Galiza, sinalaba que había desconectar, a primeiras horas da segunda feira, os últimos 30 xeradores que mantiña operativos nestas dúas comarcas dende a chegada do ciclón Klaus, hai xa 10 días. Esta segunda feira, de mañá, a compañía indicou que non constan incidencias de usuarios sen subministración eléctrica. Fenosa recibiu, en todo este tempo, perto de milleiro e medio de reclamacións.
Polo seu lado, Begasa, a compañía que subministra electricidade aos afectados polo temporal da semana pasada da comarca da Mariña, sinalou esta segunda feira que xa restabeleceu "salvo casos puntuais", a normalidade na subministración. Os casos puntuais aos que se refire atópanse nos concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol, en pequenas núcleos poboación nos que levan todo este tempo procurando manter a subministración de gasóleo para manter os seus xeradores funcionando.
Os estragos do último temporal
As comarcas máis afectadas polos refachos de vento que chegaron á costa atlántica esta fin de semana foron as de Vigo e Pontevedra. De feito, os ventos chegaron a coller os 125 quilómetros por hora de velocidade nalgunhas zonas, coma en Redondela. En Vigo o vento ergueu a cuberta metálica das bancadas do campo de fútbol do Monte da Mina, perto de Castrelos, polo que foi apuntalada polos bombeiros da cidade. O partido que habían xogar as mozas do Olivo contra o Mareo suspendeuse.
O vento tamén provocou a caída de árbores nos concellos de Meis (O Salnés), O Vicedo (A Mariña) e Redondela (Vigo), mais sen causar incidencias destacadas.