Vieiros ofréceche o manuscrito, de xuño de 1949, que o político, xa moi débil, tivo que acabar ditando a Rodolfo Prada.
Dende o meu leito de enfermo envío, n-iste día memorable, afervoados saúdos a tudol-os patriotas galegos... Así se pecha o texto, no que Castelao repasa, de xeito moi crítico, a actualidade política do exilio en 1949 e denuncia as manobras iniciadas entre a colectividade galega para afastala do galeguismo e do republicanismo.
No seu traballo de procura de obras de creación, escritos, debuxos, cartas e demais materiais relacionados con Castelao (para o que solicita a colaboración de todas as persoas que poidan ter na casa calquera tipo de documento orixinal ligaro ao líder galeguista), a fundación que leva o seu nome deu cun valioso arquivo que conservou a familia de Rodolfo Prada, amigo do político rianxeiro co que mantivo unha comunicación epistolar rica e frecuente entre 1938 e 1949. Prada era un farmacéutico dos Peares, emigrado á Arxentina, que nas súas viaxes por toda América lle servía a Castelao de enlace cos centros galegos de todo o continente. Castelao confiaba en Prada e converteuno en depositario de todo o seu pensamento político na década posterior á guerra civil, todo o que non publicou no Sempre en Galiza.
En xuño de 1949 o Centro Pontevedrés de Bos Aires convidou a Castelao a dar un discurso con motivo do aniversario da aprobación do referendo estatutario de 1936. O líder galeguista, enfermo, iniciou a redacción do seu discurso na cama, e chegou a escribir varias páxinas de notas (eis o documento que vos ofrece Vieiros, coa autorización da Editorial Galaxia), aínda que a súa debilidade impediulle finalizar o texto, que dita ao propio Rodolfo Prada, encargado posibelmente de lelo no seu lugar. O discurso foi publicado no seu momento n'A Nosa Terra e máis en Opinión Gallega (a revista do Centro Ourensán).
Un testamento político
O discurso funciona a xeito de testamento político de Castelao. E, de feito, comeza lembrando un testamento que fixera tempo atrás: "eu lembro aquel testamento porque son escravo dunha door física que dende fai máis de catro meses nin me permite coordinar ben as ideias. Non podo pois escribir un mensaxe diño da hora presente. Nunca na miña vida tiven tanto que dicir e tantos desexos de dicilo", e afirmando que "eu non podo morrer agora porque aínda teño moito que facer e a miña vontade de vivir val tanto ou máis que as meiciñas dos médicos".
O texto continúa repasando a actualidade política do exilio: "Os meus discursos no día do Estatuto foron sempre crónicas e xuicios d-aquelo que máis preocupaba á nosa coleitividade. Hoxe o meu discurso sería extenso, e duro de roer para certos monifates. Falaría do republicanismo desterrado de Hespaña, xa caído na máis torpe rutina doutrinaria, que non soupo manter en vilo, a causa máis sensible do noso tempo. Falaría dos partidos políticos restaurados no desterro, que sóio sirven para armar líos. Falaría do goberno hespañol que agoniza en París e dos gobernos autónomos que andan por atallos perigosos. Falaría do convenio socialista-monárquico, que non sóio delata o impudor de certos xerifaltes do socialismo, senón que vai complicando e corrompendo ao esquerdismo hestórico de Hespaña. Falaría, inclusive, do Comité Federalista Hespañol, que preside Madariaga e o seu elenco de malos cómicos. Falaría extensamente dos varios criterios que reinan no interior de Hespaña e nas espranzas que moitos poñen ainda no talento de Prieto".
Castelao fala tamén, cun certo acento acre, dos emigrantes galegos: "Falaría da mentalidade dos novos emigrantes galegos, que veñen a enriquecerse cos métodos correntes en Hespaña. Falaría da emigración dos xurelos, con tanto respeto como falaría da emigración dos galegos de hoxe en día. Pero, a miña atención deteríase principalmente, nos varios acaecimentos que padeceu, e sigue padecendo a coleitividade galega de Bós Aires. De todo esto falarei cando me repoña da enfermedade que agora me ten postrado e xuro que non me coutará ningunha consideración, pois estou no segredo das maniobras, e coñezo ben aos alacráns que as dirixen. O ataque vai contra o galeguismo orgaizado da nosa coleitividade i en beneficio dos franquistas e monárquicos, que nas Américas soñan con volver a reinar. Esta é unha verdade que non tardará en ser demostrada. E conste que se ataca o galeguismo porque se quer matar o republicanismo".
Castelao pecha o seu discurso ligando o galeguismo e a súa defensa na emigración á loita polos ideais republicanos: "Ningún home de ben negará que os galeguistas sacrificamos moitas veces o noso galeguismo en aras do republicanismo; pero ocurre que os republicáns específicos non erguen a súa voz para recoñecelo. Esto quer decir que os republicanos específicos carecen de sentido político, porque o día que o galeguismo da nosa coleitividade desaparecese, desaparecería o mellor baluarte do republicanismo en América. Podo decir, ademáis, que o día que o noso movimento galeguista e republicán se quebrante, ese día sairán da escuridade os falanxistas hespañoes, porque os republicáns a secas teñen menos coraxe para defender a República que os galeguistas. Velahí por qué eu, no día de hoxe, denuncio como traidores a cantos sementan a discordia na nosa coleitividade, inxuriando e calumniando ao galeguismo, co único obxeto de servir aos nemigos da República democrática e liberal".
Nese momento, Castelao deixa de escribir e o manuscrito continúa con letra de Rodolfo Prada, que transcribe o que Castelao lle dita, manifestando a súa esperanza no futuro, esixindo para Galiza unha 'autonomía integral dentro dunha Confederación Hispana' e despedíndose "dende o meu leito de enfermo" de todos os patriotas galegos: "Por riba da desagradable crónica e da dura crítica que eu podía facer hoxe da aitualidade, queda, non embargantes, a miña espranza no bó sentido galego, e quero deixar testimoño no tempo dos nosos ideaes, que non se limitan ao conquerimento d-un simple Estatuto otorgado graciosamente polo Estado Hepañol, senon d-unha Autonomía integral para Galiza dentro d-unha Confederación Hispana. Dende o meu leito de enfermo envío, n-iste día memorable, afervoados saúdos a tudol-os patriotas galegos.
Descarga aquí a primeira e a segunda parte do manuscrito (.pdf)
Descarga aquí a transcrición (.pdf)
Os últimos meses: "xa está o corvo peteirando"
Os médicos de Castelao diagnosticáronlle a comezos de 1949 un cancro de pulmón incurábel, aínda que para non preocupalo a el e á súa dona Virxinia só lle comunicaron que sufría un "proceso infeccioso no pulmón esquerdo" que esixía repouso e tratamento médico. "Pero el era médico, era perfectamente consciente do seu estado", apunta Carmen Varela, secretaria da Fundación Castelao. En xuño desculpou a súa ausencia no acto do Centro Pontevedrés de Bos Aires dicindo que "estou absolutamente seguro de repoñer a miña saúde e de acompañalos no ano próisimo, por este xa se vé que non é posible". A derradeira comunicación escrita que se conserva data de decembro dese mesmo ano 1949, dirixida ao seu amigo Manuel Roel, ao que lle di: "estou enfermo pero sandarei. Algún día nos veremos na verde Betanzos". Os últimos meses da súa vida permaneceu recluído no seu domicilio, cada vez con maiores dores, que el describía como que "xa está eiquí o corvo, xa está o corvo peteirando". O 2 de xaneiro de 1950 ingresou no sanatorio do Centro Gallego de Bos Aires, morrendo a medianoite do 7 de xaneiro, sen chegar a cumprir os 64 anos.
A correspondencia con Rodolfo Prada
A Fundación Castelao recuperou tamén a correspondencia que mantivo nestes anos con Rodolfo Prada. Nestas cartas escritas por Castelao dende Barcelona (en 1938), Nova York (1939-40) ou París (1946-47) o político repasa os últimos acontecementos da actualidade, a estratexia que ao seu xuízo debía seguir o galeguismo, así como os seus contactos con outras forzas, en especial coas vascas e catalás, e co PSOE, con quen mantivo neses anos unhas relacións moi tensas, en especial con Indalecio Prieto. A Fundación quere publicar estes documentos, dos que posúe os orixinais, aínda que para poder facelo debe negociar co titular dos dereitos, Xavier Baltar, segundo Carme Varela, secretaria da entidade.
O traballo de catalogación supera xa as 1.600 pezas
No 123 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, presentaron un balance do traballo feito ata o momento na catalogación universal da obra do rianxeiro. O director da investigación, Miguel Anxo Seixas, informou de que xa se catalogaron unhas 1.600 pezas das máis de 3.000 que hai esparexidas polo mundo. Neste 2009, a investigación cruzará o Atlántico para analizar a actividade do galeguista no exilio, onde se espera atopar a metade da súa obra. Este catálogo estará á disposición do público e dos investigadores na Biblioteca Nacional de Galicia.
Segundo manifestou Seixas, tamén se está a catalogar a súa obra menos coñecida, o 'Castelao ilustrador' que lle deu trazo e cor a numerosas cubertas de libros ao longo da súa vida. Seixas tamén aproveitou para reclamar a colaboración de cidadáns que poidan ter orixinais ou copias de obras de Castelao para proceder á súa catalogación e posterior dixitalización. "Moita xente ten nas súas casas un pequeno debuxo, ou algunha carta que Castelao puido remitir ao seu avó, por exemplo. Pedímoslle a todo o mundo que se poña en contacto coa Fundación, para poder catalogar e dixitalizar estes materiais, por sinxelos que sexan".