Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oriente Próximo: Masacre en Gaza

O goberno do 'heroe' Erdogan recibirá en días un cargamento de armas israelí

Acollido en Istambul con bandeiras palestinas, logo da discusión con Simon Peres en Davos, o certo é que Turquía e Israel comercian militarmente hai anos.

Fernando Arrizado - 13:30 30/01/2009
"Que o mundo vexa un primeiro ministro"

"Que o mundo vexa un primeiro ministro"

O pasado 6 de xaneiro, en plena ofensiva militar do Exército israelí sobre a Faixa de Gaza, o ministro de Defensa de Turquía, Vecdi Gönül, viuse na obriga de comparecer ante os medios para negar que o seu país asinara un acordo sobre a venda de armas con Israel xusto antes da operación.

"O acordo de armas non ten nada que ver cos ataques. Non se asinou un acordo militar (con Israel) durante os nosos gobernos (lexislaturas)", sinalou Gönül, engadindo que o trato en cuestión se asinara hai moitos anos. Porén, segundo os informes publicados pola prensa, Turquía e Israel manteñen unha fluída relación comercial no campo armamentístico.

En 2007, o volume de negocio entre os dous estados foi de 2.600 millóns de dólares, dos que se calcula que 1.800 corresponden á venda de equipamento militar. Turquía, aínda que é un país de maioría musulmá con claras simpatías pola causa palestina, segue a ser un dos aliados máis firmes de Israel na rexión.

"Damos a benvida ao líder do mundo"

O certo é que o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, tivo este venres unha acollida multitudinaria no aeroporto de Istambul, logo de abandonar o Foro Económico de Davos (Suíza) tras discutir acaloradamente co presidente de Israel, Shimon Peres.

Erdogan marchou do foro esta quinta feira á tarde, visibelmente enrabichado e xurando que nunca máis volvería, xa que consideraba que só lle deran 12 minutos de replica a unha intervención de Peres. O israelí defendera durante 23 minutos a berros o ataque do seu país sobre Gaza.

"Sempre apoiaremos principios rectos. (...) A forma en que Peres falou non encaixa no xeito en que un presidente ten que falar. Foi insultante e elevou moito a voz. Estaba dicindo cousas que non eran correctas, e iso non o podo aceptar", dixo Erdogan aos medios pouco despois.

Xa este venres, despois de que milleiros de persoas o aclamaran a súa chegada, algunhas con bandeiras palestinas e coreando lemas como "Turquía está orgullosa de ti" e "Dámoslle a benvida ao líder do mundo", o primeiro ministro turco moderou o seu discurso. "Os nosos reproches non van contra o pobo israelí ou contra os xudeus, senón contra o goberno", afirmou Erdogan.

Actuais acordos comerciais militares

Tamén as tradicionalmente laicas Forzas Armadas de Turquía, ante os posíbeis efectos da tensión creada, buliron en anunciar que os proxectos militares con Israel non se verán afectados polo desencontro entre os seus líderes. Os medios árabes saudaron a actitude de Erdogan, mais os partidos da oposición turca considerárona propia dun "voceiro de Hamas".

Ma prensa israelí tamén recordaron a relación comercial militar entre os dous estados. O diario Haaretz bota de retranca na súa edición deste venres e titula: 'Estado terrorista' ou non, está previsto que Israel venda vehículos aéreos non tripulados a Turquía.

No interior da nova, baseándose en fontes oficiais, o xornal informa de que o goberno turco recibirá o mes vindeiro un primeiro cargamento, concretamente do modelo Harpy, aparato que o Exército israelí usou no ataque sobre Gaza.


Ligazóns

4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: