O goberno de Corea do Norte anula todos os acordos políticos e militares co Sur, incluído o relativo á súa fronteira no mar Amarelo.
Fronteira entre o Norte e o Sur
Corea do Norte anunciou este venres a ruptura de todos os seus acordos políticos e militares coa súa veciña do Sur, á que acusa de querer precipitar a ambos os dous países "ao bordo dunha guerra" logo de varios meses de tensións.
"A confrontación do Norte e o Sur nos campos político e militar alcanzou extremos tales que as relacións intercoreanas están ao bordo da guerra", advertiu a Comisión para a Reunificación Pacífica de Corea nun comunicado oficial.
O organismo norcoreano que promove as relacións transfronteirizas afirmou que todos os acordos políticos e militares co Sur quedaron anulados, incluído o relativo á súa fronteira en augas do mar Amarelo.
Esta zona en litixio, delimitada unilateralmente pola ONU logo da guerra de 1950-1953, foi escenario de combates en 1999 e 2002. Pyongyang nunca aceptou esa solución e reclama unha nova fronteira, ao que se nega Seúl.
Ao respecto da nova situación, o goberno surcoreano acusou os seus veciños do norte de querer "chamar a atención" do novo presidente dos Estados Unidos, Barack Obama.