O descenso é medio punto inferior ao do Estado Español e son as pequenas cadeas as que lideran a caída.
Todas as fórmulas comerciais sufriron un descenso de ventas, agás as grandes cadeas
Unha nova estatística pon as consecuencias da crise sobre a mesa. Desta volta no sector comercial minorista, é dicir, os negocios que se adican á venda polo miúdo e que son tan habituais en Galiza. No conxunto de 2008, este tipo de comercios viron diminuír as súas vendas un 5,1% (medio punto menos que no Estado Español onde a estatística se sitúa no 5,6%).
Son datos ofrecidos este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), quen revela ademais que a maior caída se produciu nos produtos non alimenticios, que viron diminuír as súas vendas nun 7,6%. Así, no segmento de equipo persoal caeron un 4%, as de equipo do fogar un 12,8% e as doutros bens un 4,7%. Mentres, os produtos de alimentación reduciron as súas ventas nun 2,5%.
Pequenas cadeas, as máis prexudicadas
Todas as fórmulas comerciais sufriron un descenso, agás as grandes cadeas, que incrementaron o seu volume de negocio nun 0,6%. Con todo, as pequenas cadeas son as que viviron un ano máis difícil, ao experimentar un descenso de transaccións un 9%. Séguenlle as tendas (-7,4%) e as grandes superficies (-5,8%).
Comportamento do emprego
No referente á taxa de emprego, non houbo grandes variacións con respecto ao ano anterior: en Galiza baixou un 0,1%. Aumentou o número de contratacións no caso das grandes cadeas (+2,9%) e das grandes superficies (+0,7%), mentres que caeu nas pequenas cadeas (-2,5%) e nas tendas (-0,1%).
Con todo, é salientábel que o mes de decembro, en plena campaña de Nadal, se reduciron as contratacións laborais. O emprego no sector do comercio minorista retrocedeu un 2,7% en comparación con decembro de 2007.