Un informe publicado na revista Social Science Quarterly asegura que os mozos con nomes raros son máis propensos a infrinxir a lei.
O estudo saíu publicado na revista Social Science Quarterly
Nomes como Michael ou David son habituais en Estados Unidos e, ao parecer, non son os que máis delitos cometen. Pola contra, Alec, Ernest, Ivan, Kareem ou Malcom son apelativos menos escollidos polos pais e, estatisticamente, pertencen a persoas máis conflitivas. Así o afirma un estudo publicado pola revista Social Science Quarterly, quen examinou a relación entre a popularidade do nome dos adolescentes e a tendencia a converterse en delincuentes.
Os investigadores encargados do informe, David E. Kalist e Daniel Y. Lee, confeccionaron un Índice de Popularidade de Nome (IPN) no que recolleron a porcentaxe coa que estes se repiten na sociedade estadounidense. Despois puxéronnos en relación cos datos de delincuencia xuvenil e concluíron que os nomes menos comúns estaban asociados de xeito máis habitual ao crime. Segundo explican, non é que o apelativo sexa a causa do delito, senón que está asociado a factores que incrementan a tendencia a cometelos, entre os que subliñan criarse nun entorno familiar problemático ou residir nunha zona de baixo nival económico. Ademais, tamén aseguran que os adolescentes que se chaman de xeito pouco común poden ser máis propensos ao crime porque son tratados de diferente xeito polos seus semellantes, facéndolles máis difíciles as súas relacións.
En suma, o estudo conclúe que as características do nome de pía poden ser un factor importante para axudar a identificar a individuos con alto risco de cometer actividades delituosas, polo que propoñen programas de intervención que teñan en conta estas variábeis.