Os organizadores defenden que o currículo da sexóloga avala a súa participación no encontro. Alecrín teme que, dada a biografía da autora, se fixese "apoloxía subliminal da prostitución".
A ex prostituta de luxo, sexóloga e escritora Valerie Tasso, autora do 'best-seller' 'Diario dunha ninfómana'
Valerie Tasso, francesa de nacemento, é licenciada en Ciencias Económicas e Linguas estranxeiras aplicadas e doutorada polo Incisex, dependente da Universidade de Alcalá de Henares. Ten unha ampla traxectoria como conferenciante e investigadora, e, ademais, publicou varios libros que se sitúan nas listaxes dos máis vendidos en 15 países distintos. En 2003 chegou o best-seller Diario de una Ninfómana, despois Paris La nuit e El otro Lado del Sexo, e o ano pasado o máis técnico: Antimanual de Sexo.
Os organizadores das xornadas Sexuando, promovidas desde a Dirección Xeral de Xuventude, e nas que participou a fin de semana pasada, en Vigo, sinalan que contaron con Tasso, unha persoa coñecida e academicamente respectada, pola súa experiencia e coñecemento técnico, e que en ningún momento se mencionou o tema da prostitución nin se lle preguntou a Tasso sobre o que pensa, nin ela mesma o mencionou, xa que "non era o obxectivo das xornadas". Neste sentido, sinalan que a sexóloga non veu falar da súa experiencia -Valerie Tasso exerceu a prostitución durante seis meses hai 15 anos-, senón como experta nestas xornadas organizadas pola rede asesoramento afectivo-sexual Quérote.
Alecrín denunciará a Xunta por facer "apoloxía subliminal da prostitución"
Ben diferente á e interpretación do Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller Alecrín vai presentar, esta cuarta feira ao mediodía nos xulgados de Vigo, unha denuncia contra a Dirección Xeral de Xuventude e Benestar, dependente da Consellaría de Vicepresidencia, por convidar á escritora, sexóloga a ex prostituta de luxo Valerie Tasso a participar nas xornadas inaugurais do encontro Sexuando.
Segundo lle contou a Vieiros a presidenta de Alecrín, Ana Míguez, os organizadores destas xornadas mandaron unha "mensaxe absolutamente clara, dirixida á mocidade: que unha muller que é ex prostituta de luxo, que vive de falar diso nos programas do corazón, e que defende a prostitución como un xeito de vida, pode ser contratada pola administración para falar de sexualidade", sinalou, ao tempo que recalcaba que, ao convidar a Tasso "fíxose unha clara apoloxía subliminal da prostitución, e amosóuselle á xente nova coma se sexualidade e prostitución tivesen algo que ver".
"A prostitución non salva nin ás mulleres nin á xente nova"
"A interpretación dos mozos e mozas pode ser terríbel. Por un lado elas poden pensar, 'pois a prostitución non é nada malo, hai que ver que ben lle foi, que agora até é contratada por entes públicos que lle pagan por dar unha charla'; e polo outro a eles dáselles a mensaxe de que poden converterse en compradores de corpos de mulleres. Non podemos consentir que se lle transmita esta idea á mocidade", sinalou Míguez, ao tempo que subliñaba que, persoalmente, non ten "nada" contra as prostitutas de luxo, "que son unha minoría, xa que, desgraciadamente, a maior parte das prostitutas son extremadamente pobres, e chegan a vender o seu corpo e mesmo son traficadas para fuxir desa pobreza".
"Aquí non hai inocentes, nós imos seguir adiante coa denuncia -que presentarán, ademais, ante o Instituto da Muller, o Observatorio contra a Violencia de Xénero e o Valedor do Pobo-, e se un xuíz considera que houbo apoloxía subliminal da prostitución, que se fixo publicidade dela, sabemos quen son os culpábeis", dixo Ana Míguez, lembrando que a mensaxe que transmite Valerie Tasso "das marabillas da prostitución que a salvou a ela" non é certa, nin debera ser transmitida, xa que "a prostitución non salva nin ás mulleres nin á xente nova".
Quintana sinala que Alecrín fixo "unha mala interpretación"
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana (BNG) recoñeceu, esta terza feira, o labor "tremendamente meritorio" de Ana Míguez na súa loita pola liberdade e os dereitos da muller, mais lembrándolle que "non está soa, xa que outras institucións e persoas traballar a favor dos mesmos obxectivos". Porén, precisou que "como nos acontece a todos, non sempre ten a razón".
Neste sentido, Quintana apelou á loita pola liberdade, abandeirada por Míguez, "e tamén a liberdade de expresión", sinalando que a "libre expresión de ideas nun foro de debate nunca pode ser motivo dunha denuncia xudicial".