Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NORTE DE EUROPA

A crise económica rompe o goberno islandés

O primeiro ministro, o conservador Geir Haarde, presentou a dimisión do seu grupo en pleno. Os socialdemócratas buscan novos aliados até as eleccións, adiantadas para maio.

Redacción - 19:15 26/01/2009
O até agora primeiro ministro, Geil Hilmar Haarde

O até agora primeiro ministro, Geil Hilmar Haarde

A crise económica que lle afecta especialmente a Islandia xa conseguiu esgazar a súa coalición de goberno. O primeiro ministro, o conservador Geir Haarde, anunciou a dimisión do seu gabinete, despois do fracaso das conversas cos seus socios de goberno, os socialdemócratas. Haarde dixo que non aceptaría a demanda do outro grupo da coalición de liderar o país.

O sistema financeiro islandés afundiuse en outubro polo peso da súa débeda, que levou a unha crise monetaria, o aumento do paro e a protestas constantes da cidadanía. Prevese que a economía do país se reduza no 10% durante 2009.

A formación de Haarde, o Partido da Independencia (Sjálfstæðisflokkurinn), conta con 25 dos 63 escanos do parlamento do país, mentres que a Alianza Socialdemócrata (Samfylkingin) da ministra de Asuntos Exteriores Ingibjörg Gísladóttir ten 18. O anuncio da dimisión chega despois de que o primeiro ministro convocase eleccións anticipadas para o 9 de maio, alegando motivos de saúde.

Pola súa banda, Gílsadóttir afirmou que as accións do goberno nas últimas semanas non foran rápidas de abondo, e anunciou que buscará novos socios para formar executivo até as eleccións. Nos últimos meses, os socialdemócratas pedíranlle a Haarde que despedise o gobernador do banco central islandés e que se achegase á Unión Europa, da que tradicionalmente estivo separado o país.

A solución, Europa?
O mes pasado, o Comisario para a Ampliación da Unión Europea, Olli Rehn, dixo que Islandia podería solicitar o ingreso este mesmo ano.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: