Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
15 DE FEBREIRO VOTACIÓN POLA EMENDA CONSTITUCIONAL

Presidente Chávez anuncia inicio da cuarte fase polo Si

O presidente do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), Hugo Chávez Frías, anunciou o inicio da cuarta fase da campaña polo Si á emenda constitucional, etapa que denominou "El desarrollo".

Xurxo Martínez Crespo - 10:53 26/01/2009

Así deuno a coñecer, este domingo, na segunda edición da súa columna Las líneas de Chávez (xogo de palabras que mesturan as 'liñas' políticas e as 'liñas de hit' do béisbol) , publicada en medios impresos venezuelanos, onde sinalou que "aquí na Patria de Bolívar continúa, cada día máis intensa, esta batalla política pola emenda constitucional".

"Preciso é agora redobrar a ofensiva xeral en toda a fronte e por algures. Hoxe domingo 25 de xaneiro, iníciase a cuarta fase da nosa campaña: O Desenvolvemento", anunciou o presidente venezuelano.

Máis adiante, no escrito, lembra que nos seus permanentes percorridos polo país, "desde Barcelona até Cabimas, onde xuramentei dúcias de miles de comités polo Si, pertencentes á Frente de las Misiones Socialistas, até esas rúas, vieiros e bloques da parroquia heroica que é o 23 de Enero,  notei o crecente entusiasmo do pobo venezuelano."

Ademais, fixo un chamado "a todo o pobo, aos partidos da alianza, ás frontes sociais, ás patrullas socialistas, aos comités polo Si, a despregar toda a iniciativa, a creatividade, a alegría, a organización, a maquinaria e a mobilización, hora tras hora, día tras día, casa por casa, rúa por rúa, bairro por bairro, cidade por cidade, nunha xigantesca operación ofensiva, intelixente, apaixonada e razoada".

Chávez referiuse, así mesmo, á necesidade de "pulverizar a poderosa campaña de desinformación que a contrarrevolución continúa lanzando contra o pobo, baseada na permanente manipulación e o engano, nunha infinidade de contos mediáticos de laboratorio, como ese monumento ao absurdo e á idiotez que é o conto da 'reelección indefinida'".

"Cada vez que escoito a un 'pitiyanqui' dicer que a emenda é unha reelección indefinida, lembro a Shakespeare en Macbeth: "un conto contado por un idiota, cheo de son e furia, e que non significa nada", sinalou o presidente Chávez.


Salientou que o termo reelección indefinida non significa ren. "Sinxelamente, a reelección é definida, ou non é. Vexamos: o acto de reelixir significa obrigatoriamente a convocatoria definida a eleccións; a definición dunha data para a votación popular e un exactamente definido período de mandato; a Constitución define os lapsos, de catro a seis anos, para todos os cargos de elección popular. Non existe entón ningunha cousa que se pareza ao que os pitiyanquis chaman reelección indefinida. Reelixir é volver a elixir. Quen aspire a continuar nun cargo de elección popular, ten que someterse ao veredicto do pobo".

Daquela, Chávez perguntouse "Pódese perpetuar alguén no poder se os votantes non o elixen? Por que non pode ser o pobo o que poña e quite gobernos? Por que a oposición teme, como ao diaño, contestar estas simples perguntas? Cal é a razón do seu temor? Eu seino. Témenlle ao pobo, que acordou  como un gran Lázaro colectivo".

Finalmente, propuxo a cada cidadán de Venezuela a "que entre todos, votando Si o próximo 15 de febreiro, logremos perpetuar no poder ao pobo venezuelano, fagamos vitalicio o 'Proyecto Nacional Simón Bolívar' para lograr a plena independencia nacional, coloquemos nun trono eterno ese binomio marabilloso, só posíbel na futura sociedade socialista, a igualdade e a liberdade".


4/5 (4 votos)