Os santiagueses venceron con claridade na casa, mentres que os lucenses acadaron unha vitoria pola mínima no campo do último clasificado.
Despois dun mes sen cadrar no seu éxito o Ázkar de Lugo e o Lobelle de Compostela volveron completar unha xornada perfecta para os equipos masculinos do fútbol sala galego na elite, acadando cadansúa vitoria. O Lobelle non dou opcións a un rival directo na loita polas primeiras posición, como é o Carnicer Torrejón, ao que venceu por sete goles a catro. Polo outro lado o Ázkar trouxo unha vitoria pola mínima que non reflexa a comodidade coa que dominou en todo momento o partido contra o último clasificado, o Fisiomedia Manacor.
No multiusos do Sar o Lobelle dou unha nova demostración de fortaleza, e marchou ao descanso cunha clara vantaxe de catro goles a cero. Na segundo parte seguiu ampliando a diferenza até que o seus xogadores decidiron folgar, faltando catro minutos para o final do partido. Esta relaxación permitiu ao Carnicer marcar tres goles, e adornar un pouco o marcador. Os composteláns ocupan agora a cuarta posición da clasificación, e tócalle visitar a vindeira xornada o campo do Tien21 Pinto.
O Ázkar trouxo unha meritoria vitoria das Baleares, ao gañar por tres goles a catro no Municipal D´Esports D´Inca. Os de Bruno García resolveron o partido na primeira media hora, tempo que utilizaron para colocar o marcador en cero goles a tres. Despois o Fisiomedia Manacor tratou de achegarse, mais a vitoria dos lucenses non correu perigo en ningún momento. O Ázkar está situado agora no 12º lugar da clasificación e recibe a semana próxima a visita do Inter Movistar, actual líder da categoría.