O forte vento e a chuvia arrincan árbores, inundan rúas e deixan sen luz vilas e cidades.
O conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, rebaixou a 178 mil os abonados que continúan sen subministración eléctrica en Galiza a última hora da tarde do sábado. Méndez Romeu afirmou que "existe garantía de subministración" na rede de alta tensión e que as incidencias se rexistran na de media tensión.
Ademais, 40 mil abonados do servizo telefónico fixo continúan sen poder realizar chamadas nin conectarse á internet, e hai máis de 200 estacións de telefonía móbil afectadas. Nas estradas, insistiu en que existe "práctica normalidade" en todas as de titularidade autonómica, a excepción da PO-534, onde a circulación permanece interrompida entre Laro e Cachafeiro debido á caída dunha torre de media tensión.
O conselleiro expresou o "pésame" do Goberno pola morte dun sarxento da Garda Civil. Lamentou, así mesmo, o falecemento dun dos tripulantes do barco de bandeira portuguesa, aínda que aclarou que non existe, nin neste caso nin no do ancián falecido en Vilalba, unha confirmación dunha relación causa-efecto co temporal. En calquera caso, indicou que "parece que non vai ser posible recuperar" o barco.
Máis de 900 incidencias en 24 horas (Actualizado ás 18.10 horas)
Emerxencias 112 Galicia xestionou nas últimas 24 horas máis de 900 incidencias relacionadas na súa maior parte co temporal de vento e chuvia, tales como caída de árbores, tendido eléctrico, desprendementos de terra e pedras e caída de obxectos de balcóns e tellados nas zonas urbanas.
A Garda Civil de Tráfico informou que a rede principal de estradas do país estaba a primeira hora da tarde despexada. No entanto, continúan os problemas derivados nas estradas secundarias.
As empresas de electricidade e telefonía continúan a traballar na restauración do abastecemento de electricidade e teléfono que, en moitos lugares de Galiza, segue sen funcionar.
Comparcencia do conselleiro de Industria (Actualizado ás 14.35 horas)
Un total de 286.000 abonados de distintos operadores do país permanecen aínda sen subministración eléctrica este mediodía, segundo informou en conferencia de prensa o conselleiro de Industria, Fernando Blanco.
Segundo precisou, rexistráronse ventos que superaron os 200 quilómetros por hora, o que provocou que "dobrasen" seis torres de Rede Eléctrica Española no municipio dezao de Lalín, que transportan tensión de 400 quilovoltios e que están preparadas para soportar ventos de máis de 180 quilómetros por hora.
Dous mortos (Actualizado ás 13.35 horas)
Un home de 82 anos morreu calcinado na madrugada do venres ao sábado na súa casa de Vilalba (A Terra Chá) onde vivía só logo de se producir un incendio, provocado, segundo os servizos de urxencia do municipio, "por un curtocircuíto orixinado polo temporal".
Tamén, un axente da Garda Civil faleceu esta noite na localidade de Burela (A Mariña Central) ao lle caer unha árbore enriba que deitou o forte vento, rexistrado en todo o país.
O accidente tivo lugar sobre as 23.00 horas do venres, cando o oficial regulaba a circulación á altura do quilómetro 97,5 da estrada LU-862. A vítima foi trasladada en ambulancia até o Hospital Xeral de Lugo, onde finalmente morreu.
Rescate no mar (Actualizado ás 12.35 horas)
O helicóptero Helimer, do Servizo de Salvamento Marítimo, rescatou este sábado pola mañá os seis tripulantes do mercante Braga, de bandeira portuguesa, a 77 millas ao noroeste da Coruña, que foron trasladados ao Centro Hospitalario Universitario coruñés.
Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo de Fisterra, os tripulantes do buque deron a voz de alarma contra ás 9.00 horas por unha vía de auga no barco, que estaba a se ver afectado polas ondas.