O goberno anuncia a posta en marcha dun plan estatal para incentivar a reforma do xornalismo en papel, e a creación do estatuto do editor na internet.
O executivo francés adicará 600 millóns de euros a un plan de rescate para o sector da prensa. Así o anunciou este venres o seu presidente, Nicolas Sakozy, quen adiantou ademais que o goberno dobrará o gasto en comunicación institucional do Estado e dos organismos públicos na prensa escrita, incluída a dixital. O obxectivo é compensar a perda de perspectivas publicitarias dos xornais e buscar unha saída aos problemas estruturais que arrastra o sector.
Medios na rede
Entre estas eivas, o presidente subliñou a necesidade de "adaptarse á nova era dixital", ao tempo que restou importancia ao feito de que os franceses se atopen entre os europeos que menos prensa len. Sarkozy adiantou que se creará un novo estatuto de "editor dixital", que baseará o seu criterio no "emprego de xornalistas profesionais", ao tempo que se potenciará o "carácter xornalístico da información". Neste sentido, subliñou que "o feito de estar en internet non debe facernos irresponsábeis" e adiantou que os novos "editores dixitais" acollidos á nova normativa "estarán exentos de impostos profesionais".
Outras medidas
Canda esta hai outras case 100 propostas baseadas nun Libro Blanco que foi elaborado por 150 profesionais relacionados co sector, baixo a supervisión do goberno. Entre elas, atópase tamén a baixada do IVA ou de impostos sobre a distribución para os xornais escritos; a posibilidade de que os mozos, durante o ano que accedan á maioría de idade, poidan contar cunha subscrición gratuíta a un xornal da súa elección; ou a obrigatoriedade para os escolares dunha lectura dos diarios durante dez minutos nas clases.
Ademais, o documento avoga por un único código para toda a profesión, propón a creación don consello de prensa que medie na relación entre xornalistas e lectores e fala de axudas directas do Estado para que as compañías distribúan a domicilio os xornais.
Máis información: