O anuncio feito público polo organismo estatal na súa páxina web remata cun contencioso que duraba xa varios meses.
Gómez Noya poderá competir tranquilo cando se asine este novo acordo
A federación estatal de triatlón emitiu este xoves un breve comunicado no que anunciaba ter alcanzado un acordo verbal co triatleta ferrolán para o reparto dos patrocinios no traxe de competición. Segundo o pactado en Pontevedra, Gómez Noya elixiría todos os seus espazos menos un, que lle cedería á federación; e podería usar a roupa deportiva da marca que o patrocina. Ademáis, recolleríase unha partida económica que a federación entregaría ao ferrolán para cubrir os gastos de desprazamentos do seu adestrador, que ten así a posibilidade de acompañalo nas diferentes carreiras.
O acordo será asinado o vindeiro 31 de xaneiro, aproveitando a celebración da gala do triatlón galego e fecha unha polémica que duraba xa varios meses. A federación estatal considera que as dúas partes saen gañando ao acadar este acordo. Así comenta que tanto o deportista como a federación fixeron un esforzo para acercar as súas posicións xa que, segundo comentan, agora "o interese do deportista é o interese da federación".
Pola súa parte o pai de Gómez Noya amosouse "contento" cun acordo que, de firmarse, saciaría as reclamacións do deportista ferrolán. O pacto achegaríase bastante ás aspiracións iniciais de Gómez Noya que chegou a ameazar con non participar nas probas da ITU, como medida de presión.