Servirá para certificar o cumprimento da normativa. Por outra banda, modificouse o imposto que grava as emisións contaminantes.
Co obxectivo de acadar unha mellor eficiencia no consumo enerxético das edificacións, o Goberno aprobou este mércores un decreto que regulará a certificación do gasto de enerxía dos edificios de nova construción. Deste xeito, todas as persoas usuarias e compradoras dunha vivenda nova poderán coñecer con exactitude o seu grao de eficiencia enerxética.
Coa entrada en vigor do decreto, a Administración pública avaliará todos os edificios e expedirá un certificado que servirá de selo de garantía de que as instalacións cumpren coas normas. A normativa pretende conter o consumo e promover o aforro enerxético doméstico, fomentar o investimento en medidas de eficiencia enerxética, introducir melloras na construción e sensibilizar sobre o uso racional dos recursos no fogar.
Reforma do imposto de contaminación
O Goberno deulle o visto e prace á modificación do imposto de contaminación atmosférica para adaptar o seu regulamento á lei. Haberá unha nova escala de tarifas e prevese o uso de medios tecnolóxicos para aplicar o tributo. Aumenta a progresividade e diminúe o mínimo exento, das mil ás 100 toneladas anuais de substancias contaminantes.
As novas tarifas pretenden seguir o principio de "quen contamina paga" e avanzar nun modelo de desenvolvemento sustentábel, desincentivando as actuacións contaminantes. Van ligadas, ademais, á lei do imposto sobre o dano medioambientais da auga encorada que se aprobou en novembro.
O gravame vai dende os cero euros até as 100 toneladas de emisións até os 200 euros para as empresas que emitan máis de 80 mil toneladas anuais. Tamén se facilitará a tramitación telemática dos trámites de pagamento.