Así e todo, os arrastreiros si recomezaron a súa actividade esta cuarta feira pola mañá nas súas bases de Burela e Celeiro.
Amarrados por terceiro día
A flota permanece esta cuarta feira amarrada por terceiro día consecutivo na maioría dos portos do litoral do país por mor das malas condicións do mar. Así e todo, nos arrastreiros si recomezaron a súa actividade pola mañá nas súas bases de Burela e Celeiro, na Mariña.
Tamén saíron ao mar algunhas embarcacións de Cedeira, Fisterra, Portosín e parte das mariscadoras de Carreira e Aguiño, onde ademais están faenando os barcos de artes menores, e Ribeira. Nesta última localidade traballan tamén esta cuarta feira os arrastreiros de litoral, aínda que non as embarcacións dedicadas á captura de polbo e faneca.
Ao igual que este martes, na Ría de Arousa faenan mariscadores de Carril e Vilaxoán a pé e á boia. Esta mesma situación dáse en Cangas, localidade na que están a traballar as lanchas de marisqueo e os mergulladores que capturan navalla. Tamén, a flota de baixura de Vigo, e os profesionais que recollen ameixa nas inmediacións de Toraia.
Con todo, a actividade está parada nos portos de Foz, San Cibrao, Agarimo, Ferrol, A Coruña, Sada, Malpica de Bergantiños, Muxía, Camelle e Porto do Son. Tampouco traballan a maioría dos profesionais do Grove, Portonovo, Bueu, Aldán-Hío e Baiona.