Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Claves de 2008 e perspectivas para 2009

O Igadi publica o seu informe anual: 'As crises dunha nova xeopolítica global'

Na elaboración do documento participaron colaboradores habituais de Vieiros.

Redacción - 11:45 20/01/2009

As crises dunha nova xeopolítica global é o título do informe anual do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), sobre a situación política internacional que acaba de facer público.

No documento, afóndase nas claves de 2008 e nas perspectivas para 2009. Entre as primeiras, analízase a elección de Obama, o auxe do G-20 para facer fronte á crise económica mundial, o poder olímpico de China ou o dramatismo da xeopolítica das materias primas. Entre as segundas, saliéntase a crise económica, o epicentro da inestabilidade global (Afganistán-Paquistán), as dificultades da reforma chinesa, as presidenciais de Suráfrica ou o peche de Guantánamo.

Esta nova edición do Igadi Annual Report inclúe reflexións por áreas xeográficas (EUA, Latinoamérica, África, Oriente Próximo, Xapón ou a UE), así como tamén de carácter transversal (terrorismo, crise financeira, altermundismo, multipolaridade ou cultura e mundialización).

Visión galega do mundo
Baixo a dirección e coordinación de Xulio Ríos, director do Igadi, no informe colaboran autores como Jared Larson, Masashi Oki, Xabier Macías ou Roberto Montoya, ademais do equipo habitual de analistas, entre os que se inclúen colaboradores habituais de Vieiros (Roberto Mansilla, Moncho Iglesias, Enrique Sáez, Xosé Manuel Figueiras, Anxelo Gonzalez, David Alvarado ou Fernando Pérez-Barreiro).

"Todo o mundo confía en que a comunidade internacional aprenda da crise financeira, cunhas raíces que numerosas voces relacionan coa política económica liberal e non intervencionista aplicada polo goberno estadounidense. É o momento de promover reformas para unha nova orde financeira e económica xusta e inclusiva, expresión dun ambiente institucional democrático que permita avanzar cara a un mundo de xustiza, paz e prosperidade", sinalou Ríos na presentación do informe.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: