Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A primeira en 23 anos

A presidenta Kirchner comeza unha visita histórica a Cuba

Pasará tres días na illa. Alí asinará acordos en materia de saúde, educación, ciencia e agroalimentos. Crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 13:50 19/01/2009
Fernández de Kirchner saíndo do Aeroporto de Bos Aires, camiño de Cuba

Fernández de Kirchner saíndo do Aeroporto de Bos Aires, camiño de Cuba

A presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, comezará o luns unha visita oficial de tres días a Cuba para a firma de importantes acordos en diferentes áreas e para se reunir co mandatario da illa, Raúl Castro. É a primeira visita dun xefe de Estado arxentino á Habana, despois de que Raúl Alfonsín, visitase a illa hai 23 anos.

Fernández de Kirchner chegou o domingo á Habana, e vai permanecer na illa tres días. Reunirase o luns con Castro, no histórico Palacio da Revolución, onde se asinarán acordos en materia de saúde, educación, ciencia e agroalimentos. Logo, Castro, presidente dos Consellos de Estados e de Ministros de Cuba, ofrecerá unha cea de honor á presidenta arxentina no salón do Vitral do Palacio da Revolución.

A primeira visita á illa en 23 anos
A visita foi anunciada pola propia presidenta arxentina no mes de decembro cando, nunha cimeira de presidentes que se realizou no Brasil, confirmou que viaxaría á illa no mes de xaneiro invitada polo presidente Raúl Castro. Aínda que estaba previsto que a presidenta viaxase a semana pasada á illa, a mandataria debeu pospoñer a visita unha semana a raíz dunha doenza leve, que a obrigou a suspender por tres días as súas actividades oficiais.

Antes de reunirse con Castro, a presidenta iniciará o luns a súa actividade oficial a Cuba cunha visita ao Centro de Enxeñería Xenética e Biotecnoloxía, principal polo científico do país, onde se mostrará o proceso de produción da vacina contra a hepatite B, entre outras.

O martes, en tanto, Fernández de Kirchner visitará a planta do laboratorio Labiofam e pechará o seminario económico sobre "Oportunidades de Comercio, Investimentos e Negocios entre a Arxentina e Cuba", que se desenvolve no Hotel Nacional de Cuba.

O mércores -último día da visita e antes de viaxar a Venezuela para reunirse co seu par Hugo Chávez- a presidenta manterá un encontro con estudantes arxentinos na Escola Latinoamericana de Medicina (ELAM) e dirixirá unha mensaxe aos alumnos.


4,57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: